Renfe adianta ao 20 de maio o novo horario do Alvia Lugo-Madrid para reforzar as conexións matinais

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa
O tren sairá de Lugo ás 5.18 horas e permitirá viaxar á capital e regresar no mesmo día
tren-renfe
18 May 2026

Renfe modificará a partir do 20 de maio os horarios de varios servizos ferroviarios entre Galicia e Madrid, entre eles o Alvia 4114 Lugo-Madrid, que adiantará a súa saída ás 5.18 horas co obxectivo de mellorar a oferta matinal de conexións entre Galicia, Castela e León e a capital do Estado.

A nova programación permitirá ás persoas usuarias de Lugo desprazarse a Madrid e regresar no mesmo día, ademais de ofrecer unha nova alternativa de mobilidade madrugadora para viaxeiros de estacións intermedias como A Gudiña ou Sanabria AV.

O servizo manterá as súas paradas habituais en Galicia, con saída de Sarria ás 5.41 horas, de Monforte de Lemos ás 6.10 horas, de Ourense ás 6.58 horas e de A Gudiña ás 7.44 horas. Xa en Castela e León, o tren deterase en Sanabria AV ás 8.04 horas, en Zamora ás 8.39 horas e en Medina del Campo ás 9.13 horas. A chegada a Madrid está prevista antes das 10.30 horas.

Renfe reorganizará tamén outros servizos do corredor Galicia-Madrid co propósito de optimizar a oferta e a operativa ferroviaria. O AVE 4464 Vigo-Madrid adiantará dez minutos a súa saída e partirá ás 5.50 horas. Ademais, incorporará unha nova parada en Santiago de Compostela, mentres que a parada en Zamora que realizaba ata agora será asumida desde o día 20 polo novo Alvia Lugo-Madrid.

Tamén se modificará o horario do AVE 4364 A Coruña-Madrid, que sairá ás 7.10 horas en lugar das 7.15 actuais, o que implicará cambios de cinco minutos nas paradas intermedias e na chegada ao destino.

No sentido Madrid-Galicia, o primeiro servizo do día pasará a ser o Avlo Madrid-A Coruña, que sairá da capital ás 6.30 horas, fronte ás 8.25 actuais. Este cambio mellorará as conexións matinais en estacións de Castela e León como Zamora, ás 7.48 horas, e Sanabria AV, ás 8.17 horas, así como en A Gudiña, ás 8.36 horas.

O horario que deixa libre este Avlo será ocupado polo AVE 4475 Madrid-Vigo, que pasará a saír ás 8.26 horas, mantendo as mesmas paradas e chegando ao seu destino ás 12.34 horas.

A reorganización completarase coa modificación do AVE 4565 Madrid-Vigo de primeira hora da tarde. Este servizo adiantará a súa saída das 16.05 ás 15.32 horas e incorporará ademais unha nova parada en Santiago de Compostela. A chegada a Vigo quedará fixada nas 19.44 horas.

Desde Renfe sinalan que estas modificacións responden ao traballo continuo para mellorar o servizo ferroviario, reforzar a conectividade entre cidades e adaptar a oferta á demanda existente nos distintos tramos do percorrido.

0.1265561580658