Renovada a área infantil de Xosé Castiñeira cun novo pavimento, peche perimetral e xogos

O Concello de Lugo vén de concluír a renovación da área infantil situada na rúa Xosé Castiñeira, fronte ao Conservatorio, unha actuación na que se investiron 48.382,82 euros para mellorar a seguridade e as condicións de uso deste espazo destinado ao lecer infantil.
A alcaldesa, Elena Candia, visitou a zona unha vez rematados os traballos, que permitiron recuperar un parque que presentaba un importante estado de deterioro. A área, de 18,21 por 12,10 metros, era a única do casco urbano que aínda contaba con chan de area.
A intervención incluíu a substitución da superficie por un novo pavimento continuo de caucho de cores, a instalación dun peche metálico perimetral para incrementar a seguridade e a renovación dos tres elementos de xogo existentes.
Durante a visita, Candia subliñou que "hai moitas actuacións que melloran de maneira inmediata a calidade de vida da veciñanza e non poden seguir esperando. O noso compromiso é reparar, conservar e coidar o que xa temos".
A rexedora engadiu que "a boa xestión tamén consiste en atender o día a día. Mentres avanzamos nos grandes proxectos de cidade, non imos deixar de lado esas intervencións que a veciñanza leva tempo reclamando e que contribúen a facer barrios máis coidados, máis seguros e con mellores servizos".
Neste sentido, lembrou que o Goberno local busca combinar estas actuacións de mantemento con proxectos de maior alcance, como o plan de mellora do Parque de Frigsa, que contará cun investimento de 300.000 euros no marco do proxecto Novo Norte.