A Deputación de Lugo comezou as obras de mellora e ampliación da estrada provincial LU-P-0301, que conecta a capitalidade de Antas de Ulla co futuro Parque Central de Galicia. Cun investimento de 425.000 euros e un prazo de execución de seis meses, o proxecto inclúe o ensanche e a mellora integral do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6, co obxectivo de adaptar a vía ao elevado volume de tráfico que se espera cando o parque entre en funcionamento.
Esta iniciativa forma parte da estratexia da Deputación para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla, segundo o determinado polo Instituto Xeográfico Nacional. As melloras na infraestrutura buscan garantir un acceso seguro tanto para os veciños da zona como para os futuros visitantes do Parque Central, fomentando así o desenvolvemento económico e turístico da comarca.
Na actualidade, as obras están na súa primeira fase, centrada no movemento de terras. A continuación, realizaranse traballos de drenaxe, instalación de tubaxes, limpeza de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización da vía con marcas reflexivas e renovación dos sinais verticais. A estrada, que actualmente conecta con Pontevedra a través de Rodeiro, pasará a ser a principal arteria de acceso ao novo Parque Central de Galicia, cuxa creación promete ser un importante motor económico para Antas de Ulla, a comarca da Ulloa e a provincia de Lugo.