Renovarán o pavimento de Campo Castelo e Rúa Nova e licitarán a mellora dos aparcadoiros do HULA

A Xunta de Goberno Local aprobou varios proxectos de obras e contratos relacionados coa conservación e mellora de espazos públicos de Lugo, entre os que se inclúen a renovación dos pavimentos de Campo Castelo e da Rúa Nova, a creación dun servizo específico para o mantemento das vías urbanas e a pavimentación dos aparcadoiros municipais do HULA.
As obras de renovación do pavimento de Campo Castelo foron adxudicadas a Construcciones Sanle Lugo, SL por 82.270,13 euros, IVE incluído. A empresa ofrece unha ampliación de 24 meses da garantía, que se suma aos 12 meses mínimos establecidos en el contrato.
A mesma empresa será a encargada da renovación dos pavimentos da Rúa Nova, por un importe de 92.260,15 euros, IVE incluído. O prazo máximo para executar estes traballos será de dous meses e a garantía tamén se ampliará en 24 meses sobre o período mínimo previsto.
Novo servizo para o mantemento das vías urbanas
A Xunta de Goberno Local adxudicou tamén os dous lotes do contrato para crear un servizo de mantemento e conservación das vías públicas da zona urbana.
O primeiro lote, correspondente aos pavimentos en xeral, foi adxudicado a Ogalia Contratas SLU, cun desconto do 4,60 % e un gasto inicial de 250.000 euros. O segundo, destinado aos pavimentos de formigóns asfálticos, foi adxudicado a Ovisa Pavimentos y Obras SLU, cun desconto do 2 % e un gasto inicial de 150.000 euros.
O contrato permitirá dispor dun servizo específico para executar traballos de conservación e reparación dos pavimentos das vías públicas urbanas. Para acompañar estas actuacións, tamén se aprobou a contratación dos servizos de coordinación de seguridade e saúde dos dous lotes, cun gasto de licitación de 5.860,43 euros para cada un, ademais das cantidades previstas para posibles prórrogas.
Outro dos proxectos aprobados é a pavimentación dos aparcadoiros municipais do HULA. O Concello iniciou a contratación destas obras cun orzamento de 340.954,66 euros e un prazo previsto de execución de dous meses.
Cambios na protección ambiental
A Xunta de Goberno Local abordou ademais a modificación da Ordenanza Municipal de Protección Ambiental, concretamente do artigo 80, relativo á produción de cheiros.
A proposta establece que as plantas de biogás situadas en solo rústico deberán situarse a unha distancia mínima de 3.000 metros do núcleo de poboación máis próximo. Segundo a documentación incorporada ao expediente, actualmente non existe unha regulación autonómica ou estatal específica que fixe esta distancia.