Ribeiras de Lea prepara a IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía

Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, acollerá o sábado 12 de setembro a IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, unha xornada que combinará gastronomía, tradición, artesanía e música cun amplo programa de actividades para todos os públicos.
A programación comezará ás 11.30 horas coa apertura da feira de artesanía e artesanía alimentaria. A continuación, ás 11.45 horas, terá lugar un pasarrúas de música tradicional a cargo de Os Valuros de Castro de Rei.
Ás 12.00 horas está prevista a concentración e exhibición de Vespas clásicas, unha actividade que estará precedida, ás 11.00 horas, por unha ruta en Vespa polo pobo organizada polo equipo de rescate Vespa-Lugo.
A partir das 12.15 horas desenvolveranse diferentes talleres de artesanía tradicional, con demostracións en vivo de oficios galegos como o de ferreiro, canteiro, torneiro, talla de madeira, zoqueiro e cesteiro. Ás 12.30 horas terá lugar a inauguración oficial da festa, coa presenza de autoridades e representantes das entidades colaboradoras.
A gastronomía terá un dos seus momentos destacados ás 13.00 horas, cun show cooking e degustación gratuíta de centos de tapas elaboradas con ovo e chourizo como produtos protagonistas. Durante a actividade explicaranse dúas receitas presentadas previamente nunha master class, coa colaboración de Agacal.
Ás 13.30 horas comezará a sesión vermú, amenizada polo Dúo Belinda, e ás 14.45 horas celebrarase o gran xantar popular baixo carpa. O menú incluirá empanada de carne, ovos rotos con chourizo, patacas, panceta e pementiños, ademais de viño, auga, refrescos e café con gotas. O xantar contará tamén cun prato conmemorativo.
A programación continuará pola tarde. Ás 17.15 horas será a quenda da actuación da Charanga Os Tamega de Verín, seguida ás 17.30 horas de xogos tradicionais, con propostas de xotramu. Ás 18.00 horas comezará a tarde-noite de música e festa, novamente co Dúo Belinda e a Charanga Tamega, mentres que ás 20.00 horas terá lugar a entrega de premios dos xogos tradicionais.
A IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía está organizada pola Asociación de Veciños de Ribeiras do Lea e conta coa colaboración do Concello de Castro de Rei, a Xunta de Galicia e Agacal.