Rocío Seijas impugna a aprobación dos Orzamentos de Monterroso por supostas irregularidades no procedemento

LugoXa
A exalcaldesa asegura que non cuestiona o contido das contas, senón a forma na que o goberno municipal tramitou a súa aprobación
Rocío-Seijas-e-alcalde-Monterroso
29 Jul 2026

A exalcaldesa de Monterroso e concelleira de Independientes por Monterroso, Rocío Seijas, anunciou a impugnación do acordo de aprobación dos Orzamentos municipais ao considerar que o procedemento seguido para a súa tramitación non respectou as garantías legais e democráticas que deben rexer a actuación das administracións públicas.

A edil aclarou que o recurso presentado non se dirixe contra o contido das contas nin contra as partidas económicas incluídas nelas, senón contra o proceso empregado para aprobar o que cualifica como o acordo máis importante da lexislatura. Segundo explicou, o obxectivo da impugnación é defender o cumprimento da legalidade e garantir o respecto aos dereitos de participación de todos os membros da corporación.

Seijas sostén que o pleno ordinario no que debían abordarse os Orzamentos contaba cunha data previamente establecida. Porén, asegura que a sesión non foi convocada dentro do prazo previsto e que a Alcaldía decidiu convocala posteriormente, unha vez coñecía oficialmente que ela se atoparía fóra do municipio e non podería asistir.

A exalcaldesa preguntouse polos motivos que levaron ao alcalde a non convocar o pleno cando correspondía e cuestionou que a sesión se celebrase precisamente despois de terse comunicado a súa ausencia. Ao seu xuízo, se a intención era aprobar os Orzamentos con todas as garantías, poderíase ter agardado uns días máis para facilitar a participación de todos os concelleiros.

A concelleira enmarca esta situación nun contexto marcado, segundo indicou, pola falta de aprobación de Orzamentos durante os últimos tres anos. Neste sentido, considera que a demora acumulada durante ese período contrasta coa urxencia coa que finalmente se convocou a sesión plenaria para aprobar as contas municipais.

Para Seijas, a cuestión vai máis alá do ámbito xurídico e afecta á confianza da cidadanía nas institucións. A edil defende que a principal responsabilidade dun alcalde é garantir o cumprimento dos procedementos administrativos, respectando os prazos e os dereitos de participación de todos os representantes municipais.

A responsable de Independientes por Monterroso considera ademais que a polémica non nace da decisión da oposición de recorrer o acordo, senón das actuacións adoptadas polo goberno local. Segundo afirmou, se o pleno se tivese convocado dentro dos prazos establecidos e con todas as garantías, non existiría a necesidade de acudir á vía da impugnación.

Finalmente, Seijas atribuíu ao alcalde a responsabilidade política da situación e reclamou explicacións públicas sobre a tramitación seguida para aprobar os Orzamentos municipais, ao considerar que a cidadanía merece un goberno que ofreza estabilidade, seguridade xurídica e confianza institucional.

CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL

Pola súa parte, desde o Goberno local de Monterroso aclararon que o orzamento municipal para o ano 2026 está aprobado, polo que continúa os tramites legais preceptivos, sendo aprobado por maioría absoluta do Pleno, incluído o voto a favor do outro membro de IXM; o mesmo que votou sobre a celebración do pleno ordinario.

"Estamos ante un vulgar intento de retrasar a entrada en vigor dos presupostos, pero a presentación do recurso anunciado por Rocío Seijas non impide en absoluto continuar coa tramitación do expediente nos prazos establecidos pola lei", sosteñen, e engaden que "isto o que demostra é que a esta señora en absoluto lle importa Monterroso; o único que lle importa é chegar ao poder a toda costa como xa ten demostrado cando traizoou ao seu cabeza de lista. Esta señora non ten nada que ofrecerlle a Monterroso. Esta actitude deixa á vista que o único que lle interesa é bloquear o avance do pobo e evitar que a vila progrese, usando burdos argumentos e chegando incluso a mentir dicindo que se ausentaba do termo municipal (cando xa non reside no mesmo) e incluso da autonomía ata despois do día seis, cando foi vista nas festas de Guntín o día 4 e estivo nunha comida en Monterroso o día 5".

0.12682795524597