Rosana, presidenta da nova Asociación Agra dos Castros: “Non chegamos para competir, senón para sumar”

Jessica Fernández
A preocupación polo estado de abandono e o escaso coñecemento dun dos xacementos arqueolóxicos máis relevantes da cidade de Lugo, o Agra dos Castros, situado no barrio da Piringalla e cunha orixe que se remonta á Idade do Ferro no século II a.C., foi o punto de partida para a creación da Asociación Cidadá Agra dos Castros.
Este enclave, no que viviron comunidades que coñeceron a conquista romana e a posterior transformación na Lucus Augusti, leva anos nun segundo plano tanto no ámbito patrimonial como no social. A partir desta realidade, un grupo de veciños decidiu impulsar unha entidade que non só reclame a súa posta en valor, senón que tamén actúe como ferramenta de cohesión entre os barrios do norte de Lugo.
A presidenta da asociación, Rosana, explica que a iniciativa nace “coa idea de escoitar e mellorar a calidade de vida da veciñanza” e cunha vocación clara de representación dun amplo territorio urbano que abrangue A Milagrosa, Barrio Feijoo, Paradai, Albeiros, A Garaballa, Piringalla, Garabolos, O Castiñeiro ou O Souto, entre outros. Ademais, sinala que o proxecto ten tamén como segundo gran obxectivo “poñer en valor Agra dos Castros, como se fixo co Castro de Viladonga, non só pola necesidade de valorar o noso patrimonio histórico-artístico, senón polo seu potencial turístico para a zona norte da cidade”.
A identidade visual da asociación tamén bebe directamente do propio xacemento. O seu logotipo inspírase na decoración da cerámica atopada nas escavacións realizadas, con semicírculos e liñas discontinuas. “Quixemos facer unha reinterpretación deses semicírculos, representando cada un deles a un barrio da zona norte, unidos, como nunha agra, por un mesmo círculo que os arroupa a todos”, explica Rosana.
Outro dos piares da entidade é o seu carácter integrador. A presidenta establece un paralelismo entre a historia dos barrios e os procesos migratorios actuais: “Os barrios da zona norte de Lugo xurdiron, en gran parte, da migración cara á cidade da xente das aldeas do municipio; exactamente igual que está a pasar agora coas persoas inmigrantes. Cremos que non hai cidadáns de primeira e de segunda”. Engade tamén que moitas veces existe descoñecemento e prexuízos sobre a zona: “Sinto que estou moi orgullosa de vivir onde vivo, pero non me vexo representada con certos comentarios que se escoitan sobre esta zona. Por iso queremos fomentar actos para coñecernos, escoitarnos e poñernos en valor”.
A asociación tamén pon o foco na memoria histórica recente dos barrios, lembrando que a súa orixe está ligada aos movementos migratorios internos das décadas de 1940 e 1950, cando moitas persoas chegaron ás cidades na procura de traballo e mellores condicións de vida, un fenómeno que, segundo destacan, presenta paralelismos coa realidade actual.
No que respecta á colaboración con outras entidades, a presidenta insiste en que non existe vontade de competir, senón de complementar o tecido asociativo existente. “Estamos encantados de que haxa tantas asociacións nos barrios que organizan festas ou actividades, porque así podemos completar a oferta con outras cousas. Non chegamos para competir, senón para sumar”, sinala.
Entre as primeiras liñas de traballo da nova asociación destacan as mesas redondas, charlas e sesións informativas sobre problemáticas que afectan ao barrio, con especial atención á vivenda. “Somos conscientes dos retos e dificultades que afectan aos nosos barrios. Convencidos de que non hai solucións simples a problemas complexos, as primeiras accións que imos realizar son sesións informativas, charlas e mesas redondas que poñan en valor proxectos de barrio integradores e diferentes solucións aos problemas da vivenda entre outros”, explica Rosana.
Nun contexto que definen como crecente individualismo social, a entidade tamén pretende reforzar a idea de comunidade. “Nunha sociedade tan individualista queremos defender o interese común, cuestionando iso e creando un pouco de colectividade. Todos poden convivir, pero para iso temos que coñecernos”, apunta.
A primeira gran actividade pública da asociación foi o seu acto de presentación, no que se homenaxeou a Valentín Arias Pontón, quen foi durante dúas décadas presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa. A súa figura foi destacada como exemplo de diálogo e convivencia, polo seu carácter conciliador e a súa disposición permanente a escoitar á veciñanza independentemente das súas ideas políticas.
Finalmente, Rosana fixo un chamamento á participación cidadá, convidando a todas as persoas interesadas a sumarse ao proxecto. “Todo o mundo que queira participar que nos mande un correo electrónico. Invitamos porque a asociación trata de unir e de que haxa representantes de todos os barrios desta zona”, concluíu.