Rubén Arroxo e Alexandre Penas supervisan o avance das obras de renovación na rúa Picasso

LugoXa
A intervención habilitará unha plataforma única e dotará á rúa de alumeado público, mellorando a imaxe e a funcionalidade do entorno
obras-rua-picasso
4 May 2026

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou o inicio das obras de renovación da rúa Picasso, no barrio de Fingoi, unha actuación impulsada pola Tenencia de Alcaldía para mellorar este espazo urbano.

Durante a visita, Arroxo e Penas puideron comprobar de primeira man o desenvolvemento dos traballos e o seu progreso, así como intercambiar impresións coa veciñanza sobre unha intervención que dá resposta a unha demanda histórica do barrio.

A rúa presentaba ata o de agora un estado deficiente, con beirarrúas estreitas, un firme deteriorado e sen instalación de alumeado público. As obras en marcha permitirán renovar completamente a calzada e as beirarrúas, habilitando unha plataforma única que mellorará a accesibilidade e a convivencia no espazo público.

Ademais, a actuación inclúe a instalación de alumeado público, a execución de saneamento e a creación dunha zona axardinada na área actualmente sen urbanizar, contribuíndo a mellorar a calidade urbana e ambiental da contorna.

Rubén Arroxo destacou que “seguimos avanzando na mellora dos barrios cunha intervención que responde ás necesidades reais da veciñanza, creando espazos máis accesibles, seguros e agradables para o día a día”. O tenente alcalde engadiu que “esta actuación en Fingoi é un paso máis na construción dunha cidade máis amable e pensada para as persoas”.

A Tenencia de Alcaldía continúa así desenvolvendo o modelo de “cidade dos 5 minutos”, impulsando actuacións que reforzan a proximidade dos servizos e a calidade de vida nos distintos barrios de Lugo.

0.12187695503235