Saá pecha o curso de restauración de mobles impulsado polo programa Mans Artesás da Deputación

A parroquia de Saá acolleu a clausura do curso de restauración de mobles promovido no marco do programa Mans Artesás, unha iniciativa impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para fomentar o coñecemento e a difusión dos oficios artesanais. A deputada de Cultura, Iria Castro, participou no acto de peche desta actividade formativa, que se desenvolveu ao longo das últimas semanas.
O curso foi impartido pola artesá María Folgueira e permitiu ás persoas participantes adquirir coñecementos básicos sobre técnicas de restauración de mobles de madeira e tea. Ademais da formación teórica, o alumnado tivo a oportunidade de aplicar os contidos aprendidos na recuperación e reparación de pezas do seu propio mobiliario.
A actividade completou un total de 24 horas de formación práctica, ofrecendo ferramentas e recursos para prolongar a vida útil dos mobles e fomentar o aproveitamento e a conservación de obxectos a través da restauración artesanal.
O programa Mans Artesás, posto en marcha este ano pola Vicepresidencia da Deputación, ten como obxectivo achegar cursos, obradoiros e demostracións de artesanía aos distintos concellos da provincia, atendendo ás peticións formuladas por asociacións culturais e veciñais. A convocatoria acadou unha elevada resposta social e tivo que pecharse en menos dun mes debido á alta demanda rexistrada.
Esta iniciativa reforza as accións de apoio que a Deputación desenvolve en favor do sector artesán, considerado un ámbito clave na conservación, transmisión e actualización de técnicas e saberes que forman parte do patrimonio inmaterial galego. Ademais, pon en valor unha actividade económica sustentable, estreitamente vinculada ao territorio e aos modelos de consumo responsable.
Ao longo deste ano está previsto que o programa desenvolva máis de 100 actividades en diferentes comarcas da provincia, ampliando as oportunidades de formación e divulgación arredor da artesanía tradicional e contemporánea.