Seis tótems dixitais mellorarán a información turística nos museos de Lugo

LugoXa
O Concello instalará desde este luns novos dispositivos financiados con fondos Next Generation para facilitar o acceso á oferta cultural e patrimonial da cidade
LUGO museos
28 Jun 2026

O Concello de Lugo iniciará este luns, 29 de xuño, a instalación de seis tótems dixitais destinados a reforzar a información turística nos principais espazos culturais da cidade. A actuación busca mellorar a experiencia das persoas visitantes e facilitar o acceso a contidos actualizados sobre o patrimonio, os museos e a programación cultural lucense.

Cinco dos dispositivos colocaranse na rede museística municipal: no Museo Interactivo da Historia de Lugo, na Casa dos Mosaicos, no Museo Arqueolóxico de San Roque, no Centro de Interpretación da Muralla e na Sala de Exposicións Porta Miñá. O sexto instalarase na Casa do Concello, na Praza Maior.

O proxecto está financiado con fondos europeos Next Generation a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino e conta cun investimento próximo aos 60.000 euros. Os novos tótems permitirán consultar información de maneira sinxela e intuitiva sobre os recursos turísticos, patrimoniais e culturais do municipio.

A través destes dispositivos, as persoas que visiten un museo poderán descubrir outros espazos de interese da cidade e planificar mellor a súa estadía en Lugo. O Concello busca así conectar a rede de recursos turísticos municipais e ofrecer unha atención máis completa aos visitantes.

A iniciativa forma parte das actuacións destinadas a modernizar a oferta turística de Lugo mediante novas tecnoloxías, reforzando ao mesmo tempo a promoción da cidade como destino cultural e patrimonial.

0.13186597824097