Seixón acolle este sábado a presentación de ‘In Uterum’, un poemario dedicado ás antepasadas da autora

LugoXa | TerraChaXa
A xornada incluirá unha meditación, unha ruta poética e unha celebración na Casa da Cultura da localidade
PRESENTACION-POEMARIO-FRIOL
25 Sep 2026

A Casa da Cultura de Seixón, no concello de Friol, acollerá este sábado 26 de setembro a presentación de In Uterum, o novo traballo poético de Ana Belén Gómez, dedicado ás súas ancestras orixinarias desta aldea friolense.

A xornada comezará ás 17.00 horas cunha meditación de Útero Libre, aberta a mulleres e homes. As persoas participantes están convidadas a levar algún obxecto que lles lembre ás súas propias ancestras, como parte dunha proposta centrada na memoria e na conexión coas xeracións anteriores.

Ás 18.00 horas terá lugar unha ruta poética e a presentación de In Uterum, un poemario publicado en edición bilingüe que afonda na memoria, nas raíces e na relación coa propia orixe.

A programación continuará ás 19.30 horas cunha celebración «dos úteros e da vida», coa que se pechará unha xornada concibida como un encontro arredor da poesía, a memoria familiar e o legado das antepasadas.

A autora quere así render homenaxe ás súas raíces en Seixón, unha aldea á que está vinculada a súa historia familiar. A actividade está aberta ás persoas interesadas, aínda que a organización solicita confirmación previa no teléfono 646 112 687 ou a través do correo electrónico enlcaminoenlaspalabras@gmail.com.

0.16798400878906