Senadores lucenses do PP piden explicacións sobre a redución de efectivos no cuartel de Castroverde

Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano presentan unha iniciativa no Senado pedindo explicacións sobre a situación do cuartel de Castroverde en materia de persoal toda vez que “dos 8 postos (cubertos na súa totalidade no ano 2016) que contempla o catálogo, na actualidade só dispoñen de 4 efectivos”.
Os representantes do PP levan este asunto ao Senado a petición do portavoz en Castroverde, Pablo Figueiras, que ten trasladado a súa preocupación pola falta de efectivos da Garda Civil que prestan servizo aos municipios de Castroverde e Baleira.
Os populares explican que “dos catro efectivos, un deles incorpórase ao servizo que presta a Garda Civil no Camiño de Santiago e coas vacacións e días libres dos tres restantes daranse días nos que só haberá un efectivos dispoñible para atender a todo este territorio”. Ademais, fai un ano que está libre a praza de sarxento sen que saíra publicada a oferta para cubrir ese posto.
A falta de efectivos é “especialmente preocupante en municipios do rural lucense como é o caso de Castroverde” polo que os populares esixen explicacións ao Ministro Marlaska que “presume do incremento do número de axentes nos últimos anos, pero a realidade é que continúan vacantes moitas prazas na provincia, especialmente no ámbito rural”.
A provincia de Lugo presenta unhas características territoriais singulares, cunha ampla extensión rural, unha elevada dispersión da poboación e unha importante rede viaria, circunstancias que fan especialmente necesaria unha presenza suficiente da Garda Civil para garantir a seguridade e a atención aos cidadáns. Con todo, “a 31 de decembro de 2025 había 169 vacantes dun total de 1.092 postos que contempla o catálogo para a provincia de Lugo”, segundo lembran os populares.
Os senadores por Lugo reclaman ao Ministerio do Interior que adopte as decisións necesarias para avanzar na cobertura efectiva das prazas vacantes de forma que “se reforce a atención aos cidadáns da provincia ao mesmo tempo que se melloran as condicións dos axentes”.