Silvia Tasende presenta o poemario "Pel Memoria", finalista do Certame de Poesía López Ardeiro

LugoXa
O acto terá lugar o sábado 21 de novembro, ás 20.00 horas, na Despensa de Saa e servirá para achegar ao público unha obra de voz feminista que explora o desexo, a paixón e as distintas formas de amor
Silvia Tasende
18 Nov 2026

A escritora Silvia Tasende Cotelo presentará o seu novo poemario, "Pel Memoria" (Editorial Medulia, 2026), o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 20.00 horas, na Despensa de Saa. A obra foi finalista do XIII Certame de Poesía López Ardeiro e está escrita orixinalmente en galego, aínda que se publica nunha edición bilingüe en formato espello para chegar tamén aos lectores castelanfalantes.

O libro reúne 500 versos arredor dunha voz poética feminista que reivindica o desexo feminino como unha experiencia propia, historicamente arrebatada ás mulleres. A través das vivencias experimentadas polos sentidos, o poemario afonda na paixón, no entusiasmo e nas ganas de vivir, cunha mirada que entende o optimismo como unha forma de achegarse á vida e atopar pracer nos seus distintos recantos.

A obra tamén reflexiona sobre a ausencia de desexo e as consecuencias emocionais que pode provocar atravesar etapas difíciles. Nese sentido, a voz poética chega a invocar o propio desexo como unha necesidade para vivir con plenitude e recuperar o sentido da existencia.

O amor ocupa igualmente un lugar central en "Pel Memoria", no que se aborda desde diferentes perspectivas e experiencias, como o amor experimental, o pausado, o desamor, o lembrado e o propio.

Silvia Tasende é xornalista e docente de Educación Secundaria na especialidade de Lingua Castelá e Literatura. Antes deste poemario publicou a novela "O Espírito das Maceiras", que acadou xa a súa terceira edición en 2024, tamén da man de Editorial Medulia.

0.1569139957428