Solaina2 abre a súa programación en Lugo con 'Partir / Cortar / Riscar', de Catara Rego, sobre a extracción como transformación da paisaxe

Solaina2, o novo espazo expositivo integrado na galería Solaina de Lugo, estrea a súa programación o xoves 24 de setembro ás 20.00 horas coa mostra 'Partir / Cortar / Riscar', da artista visual e fotógrafa Catara Rego (Meira, Lugo, 1996). A exposición poderá visitarse ata o 22 de novembro e propón unha reflexión sobre a extracción entendida como unha operación que transforma o territorio e converte a paisaxe en materia prima de consumo.
O proxecto parte dunha idea que, a primeira vista, resulta sinxela: a de extraer. Cando un fragmento de territorio se separa do conxunto dunha paisaxe, pasa a definirse polos seus trazos físicos —tamaño, forma, composición— e adquire así un novo estatus, o de unidade susceptible de ser comercializada.
Para desenvolver esta idea, Rego incorpora ao espazo expositivo dúas fotografías e unha peza de aluminio. As imaxes documentan a pegada que queda gravada sobre a pedra, mostrando o corte como testemuño visible dun proceso de transformación: a superficie natural queda marcada pola acción extractiva, e esa marca convértese no principal indicio do sucedido.
A peza de aluminio dá un paso máis nese mesmo razoamento, ao trasladar un fragmento dese terreo a un soporte de carácter industrial. Deste xeito, a obra reproduce, á súa maneira, a mesma operación que realiza unha canteira sobre a paisaxe: desprender unha superficie do seu lugar de orixe para transformala en obxecto.
O conxunto convida a pensar en como a extracción non só altera a configuración física dun territorio, senón tamén o modo en que este se percibe e se valora. Ao illar un fragmento de terra e exhibilo como peza, a mostra interpela os mecanismos polos que unha paisaxe deixa de entenderse como territorio para pasar a considerarse recurso, materia e mercadoría.
Esta proposta acada un significado particular no contexto galego, onde a explotación de recursos minerais e pétreos marcou, histórica e actualmente, a transformación de numerosas paisaxes. Sen representar de xeito literal unha canteira, Rego pon o foco nalgúns dos seus xestos esenciais: partir, cortar, riscar, separar.
Con esta primeira mostra, Solaina2 establece unha ligazón directa entre o seu propio enfoque como espazo e a investigación artística de Rego. Se Solaina2 se concibe como un lugar pensado para mirar cara ao interior desde a rúa, 'Partir / Cortar / Riscar' achega a ese formato reducido unha reflexión sobre outra maneira de observar o territorio: atender ás marcas, os cortes e as operacións que condicionan o que se fai visible e o que permanece oculto.
Sobre Catara Rego
Catara Rego (Meira, Lugo, 1996) é artista visual e fotógrafa. O seu traballo móvese entre a fotografía documental, a instalación, o vídeo e a escultura, e ten como eixo central a paisaxe como espazo onde conflúen a explotación territorial, a identidade e a memoria.
É graduada en Belas Artes e en Deseño pola Universidade Francisco de Vitoria, e conta ademais cun máster en Fotografía de Autor e Xestión de Proxectos pola escola EFTI de Madrid.
O seu proxecto 'Zona de sacrificio' recibiu o Premio Descubrimientos PHE23 de PHotoESPAÑA e mostrouse no Silo de Hortaleza, en Madrid, dentro de PHotoESPAÑA 2024, así como no Museu de la Mediterrània, en Torroella de Montgrí, no marco do Festival Mirades, en 2025.
Ese mesmo ano presentou tamén a súa exposición individual 'Inventario de geometría continua' en Navel, dentro do Festival OFF PHotoESPAÑA de Madrid. A súa obra mostrouse, entre outros espazos, en Matadero Madrid, a Fundación Luis Seoane, o Auditorio de Galicia e a feira JustMad Art Fair.
Sobre Solaina2
Solaina2 é un novo dispositivo expositivo situado nunha das esquinas da galería Solaina, visible exclusivamente desde a rúa a través do seu ventanuco. Concibido como unha extensión do espazo habitual da galería, combinará propostas específicas pensadas para este pequeno formato coa programación xeral de Solaina, que continuará desenvolvéndose tamén no conxunto da sala.
Con esta primeira mostra, Solaina2 comeza a construír unha programación propia e a explorar as posibilidades dun espazo situado nun punto intermedio: entre a galería e a rúa, entre o interior e o exterior, e entre a experiencia expositiva e o xesto cotián de asomarse a mirar.