Someten a información pública o trazado do Camiño Primitivo para mellorar a seguridade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de Turismo de Galicia a través do que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado e construción de treitos comúns no Camiño Primitivo ou de Oviedo.
A publicación recolle a relación individual de bens, dereitos e propietarios a quen afecta o proxecto, que son arredor de 300 propiedades nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques e Melide. Ábrese agora un prazo de 30 días hábiles -a contar desde o mércores 17 de xuño- para que aquelas persoas interesadas en rectificar posibles erros ou oporse á necesidade da ocupación poidan presentar as súas alegacións.
O proxecto completo pódese consultar a través da páxina web de Turismo de Galicia ou de xeito físico na súa sede central, así como nas da Área Provincial de Lugo e a Área Provincial da Coruña e nos concellos afectados.
A actuación englóbase dentro dos plans da Xunta para mellorar a seguridade viaria e o trazado dos distintos itinerarios xacobeos, de cara ao próximo Ano Santo, que será en 2027. Neste contexto, están previstas reformas en máis de 150 quilómetros de nove rutas, cun orzamento de ata 40M€.
Dentro deste mesmo proxecto, o Consello da Xunta aprobou recentemente o proxecto definitivo de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño de Inverno, que inclúe a execución de trece novas sendas peonís nos concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Rodeiro e Lalín.