Suegos acollerá o sábado unha peregrinación en honra a san Xosé María Díaz Sanjurjo

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A xornada comezará ás 10.30 horas nos lagos de Teixeiro e continuará cunha peregrinación ata a igrexa, onde se celebrará unha misa antes do xantar de convivencia
peregrinacion-suegos
22 Oct 2026

A parroquia de Suegos, no municipio de Pol, será o punto central da celebración en honra a san Xosé María Díaz Sanjurjo o vindeiro sábado, 24 de outubro. A Diocese de Lugo organiza unha xornada que combinará oración, peregrinación e convivencia para lembrar a figura deste misioneiro lucense, que chegou a ser bispo en Vietnam e foi canonizado pola Igrexa católica.

A programación comezará ás 10.30 horas coa acollida dos participantes e unha oración nos lagos de Teixeiro. Ás 11.00 horas dará comezo a peregrinación cara a Suegos, onde ás 13.15 horas terá lugar a misa na igrexa parroquial. A xornada rematará cun xantar de convivencia previsto para as 14.00 horas, cun prezo de 20 euros por persoa. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a través dos teléfonos de contacto que figuran no cartel da convocatoria.

San Xosé María Díaz Sanjurjo naceu en Santa Eulalia de Suegos o 25 de outubro de 1818. Foi o maior de seis irmáns e estudou en Lugo e Santiago de Compostela antes de ingresar na orde dos dominicos en 1842, malia a oposición inicial do seu pai.

Tras ser ordenado sacerdote en 1844, marchou a Filipinas, onde exerceu como docente na Universidade de Manila. O seu desexo de dedicarse ás misións levouno en 1845 a Tonkín, no actual norte de Vietnam, onde traballou na formación de sacerdotes e na atención ás comunidades cristiás.

A súa actividade desenvolveuse nun contexto de persecución relixiosa. Nomeado bispo, continuou co seu labor pastoral ata que foi detido e condenado a morte. O 20 de xullo de 1857 foi decapitado en Nam Dinh, con 38 anos.

Foi beatificado polo papa Pío XII en 1951 e canonizado por san Xoán Paulo II en 1988, xunto con outros mártires de Vietnam. A Igrexa recoñéceo como o primeiro lucense canonizado, e a peregrinación a Suegos permitirá lembrar a súa traxectoria e os seus vínculos coa terra na que naceu.

0.13628888130188