Tarde e Tardiña e Versos na Barraca, propostas culturais para Lugo en xullo
A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a terceira edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña, xunto coa programación para público adulto Versos na Barraca. Segundo declarou Maite Ferreiro, “trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas prazas do centro de Lugodurante as tardes dos xoves”.
A edil de Cultura informou que “cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18:00 horas na praza Maior, e unha actividade para público adulto ás 20 horas na praza da Mosqueira”.
Tarde e Tardiña comezará o vindeiro xoves 07 de xullo, e incluirá destacadas propostas da escena galega, estatal e internacional que mesturan o teatro de rúa, a música ou o circense. As catro noites de Versos na Barraca (xoves 7, 14, 21 e 28 de xullo ) serán presentadas polo director artístico do mesmo, Lois Pérez, canda The Tarracos, formación musical do ciclo liderada por Luis Monsalve.
Manuel Rivas, Dores Tembrás, Antón Reixa, (O Hevi) Malandrómeda, Antía Otero, Berta Dávila, Lucía Aldao e María Lado (AldaoLado) son as participantes nesta edición, un ciclo referente na programación cultural galega.
Todos os eventos de Tarde e Tardiña terán lugar na praza Maior, e as actividades de noite celebraranse na praza da Mosqueira. A entrada será gratuíta ata completar a cabida do recinto. Poderá solicitarse máis información nas redes sociais da área de Cultura.
TARDE E TARDIÑA
07 de xullo Um belo dia de Dulce Duca. Idade recomendada: Todos os públicos. Dulce Duca incorpora ao malabar, a manipulación e os equilibrios de mazas cunha linguaxe corporal única e impactante, transmitindo emocións nunha peza que integra e intriga ao público de todas as idades. Um belo dia é unha peza de circo onírica, metafórica e surrealista expresada a través do teatro físico, a danza, a manipulación e o equilibrio de obxetos. Con música orixinal e tocada en directo.
14 de xullo Fuera de stock de Serendipia Producciones. Idade recomendada: A partir de 4 anos. Fuera de stock fala de soños, de esperanzas, de ilusións, da vida, da túa vida, de vivila, de xogo… Unha oficina, un almacén, unha fábrica… Traballo, expedientes, ingresos, gastos, balances, inventarios, beneficios, perdas… Traballar para vivir? Vivir para traballar? Ónde quedo eu? ¿Quen son nesta engranaxe? Un espectáculo sobre o traballo, as persoas e a súa relación, cheo de anhelos e desexos. Contado en clave de circo a través dos malabares, a acrobacia, un mástil e moitos soños.
21 de xullo POI de Cia D'es Tro. Idade recomendada: A partir de 4 anos. Unha personaxe atrapada dende a infancia polo efecto xiroscópico da súa buxaina. Unha viaxe de enredos e xiros que nos transporta ao xogo, un dos estados máis importantes da vida. Fusionar as artes do circo co popular xogo da buxaina e as raíces da cultura mediterránea é o principal obxetivo deste espectáculo de carácter contemporáneo. POI responde a unha busca física de malabares e manipulación, pero tamén a unha investigación artesá ao respecto da construcción de buxainas que o propio artista deseña e constrúe. Esta exploración de diferentes tipos de madeiras, formas e puntas de apoio permitíronlle a creación de buxainas persoais e especiais como por exemplo unha das buxainas máis grandes do mundo lanzada por unha soa persoa cun peso de 45 kg que o propio artista lanza cunha corda de máis de 15 metros.
28 de xullo Sin remite de Jean Philippe Kikolas. Idade recomendada: Todos os públicos. Un espectáculo de circo teatro e humor xestual. Unha personaxe sen palabras, que esperta un aire de nostalxia. Un xogo coa escena, os obxectos e o público. Con esta premisa de xogo preséntase Sin remite para introducirnos no seu particular mundo e achegarnos a un oficio que cada vez parece máis lonxano no tempo.
4 de agosto Esencial de Vaivén Circo. Idade recomendada: A partir de 3 anos. Esencial é un espectáculo que fala de transicións. Cinco personaxes que xogan, que soñan, unha viaxe de aventuras que nos levará a lugares recónditos nos que a decisión vital será tomar o camiño máis simple. Cunha posta en escena inspirada no Arcoíris de Waldorf, Vaivén Circo tráenos un xoguete composto por pilares e arcos, unha escenografía con tintes poéticos, idónea para crear un ambiente máxico no que traballar co equilibrio, con finas diferenzas que poden propiciar que se pase do caos á armonía nuns segundos.
11 de agosto Back 2 Classics de Plantera Trampolí. Idade recomendada: A partir de 3 anos. Planeta Trampolí propón un espectáculo de cama elástica fresco, cercano e íntimo para toda a familia onde o circo máis clásico fusíonase coa cultura urbana a través do baile, a música e a arte do Turntablism (scratch con vinilos). Unha proposta onde a cama elástica toma vida propia entre as loucuras e acrobacias do seu protagonista. Unha viaxe ao pasado que máis nos namora, cheo de humor, poesía, ritmo e carambolas que cambiarán o concepto que temos da cama elástica.
VERSOS NA BARRACA
7 de xullo O pouso da terra: Manuel Rivas e Dores Tembrás. Quen escribe é estranxeira na súa propia lingua. A poesía asomada ao cantil dunha das voces fundamentais da literatura contemporánea, Manuel Rivas, os versos contra todo isto, o canto do vagalume, encóntrase coa poética da terra e as orixes de Dores Tembrás, unha das irrupcións máis felices da poesía galega dos anos dez, a lírica viaxada aos ecos de Pizarnik, o desexo feito luz.
14 de xullo O flow dos perplexos: Antón Reixa e Malandrómeda. Dous xeitos orixinais e únicos de plasmar a experiencia do mundo. A ironía lúcida e a psique do pobo da man rompente de Antón Reixa, alma mater da iconoclastia resentida e poeta da vangarda cun pé no futuro e outro na esperanza. E Malandrómeda, o envés musical da anti-poesía, a irreverencia dunha caixa de ritmos, as bases como pista de aterraxe da palabra que é rebelde e libre. Eu non son automático!
21 de xullo Os versos devorando o xardín: Antía Otero e Berta Dávila. A emisaria do pianóctel de Vian, a abella do verso Antía Otero trae os versos que non pretenden e deslízase polo poético poñéndolle nome ao que non o ten até facer verdade o feito estético: a inminencia dunha revelación que nunca nos é dada. Farao canda Berta Dávila, a voz total da literatura galega do século vinte e un, a viaxeira do profundo que narra cando versa e versa cando escribe nunha viaxe que apenas comezou.
28 de xullo No estrelampo a poesía: AldaoLado (Lucía Aldao e María Lado). O poema e a canción como vangarda do eterno. Dous formatos aínda non superados na Historia para traducir a experiencia do mundo. Música e palabra onde se conxugan a sensibilidade, o humor, a fondura e a improvisación da man do oráculo da Costa da Morte, o xenio poético e evocador de María Lado e a pava coruña, a enerxía fumegante e o verso afiado na guitarra de Lucía Aldao. Na poesía, unha máis unha é igual a tres.