Teatro para a familia, para a primeira infancia e para o público adulto conforman o novo programa no Gusto Freire
A programación teatral volverá a ser protagonista no Auditorio Municipal durante o resto do 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, explicou que "en total son 14 propostas, para distintos públicos, con actuacións de grupos de teatro de recoñecida calidade que conseguiron distintos premios". "Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez".
A programación inclúe un total de 6 propostas para público adulto, 4 para familias e 3 propostas de teatro para primeira infancia. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5 euros nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares e de primeira infancia. Ademais, as persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30 % nas actividades para público adulto.
Haberá bonos á venta por 18 euros para as actividades para público adulto, 8 euros para todas as actividades para público familiar e 6 euros para as tres representación de 1ª infancia. Entre os títulos que se poñerán en escena está “A trompa non só é cousa de elefantes” de Catro Cores, “Terceiro acto” do Centro Dramático Galego, “Bule bule” de Os Náufragos Teatro ou “Blop 2.0” de Esa Gente, que se poderán desfrutar dende o mes de outubro ata decembro deste ano.