Tomás Notario xa ten unha placa conmemorativa en Lugo en recoñecemento ao seu labor na cidade

Tomás Notario Vacas conta xa cunha placa conmemorativa na contorna da Ponte Nova de Lugo, nun acto institucional no que participaron a alcaldesa Elena Candia, o propio homenaxeado, representantes do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e membros da Corporación municipal, ademais de familiares e achegados.
A instalación desta placa dá continuidade a unha iniciativa promovida polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia para recoñecer a figura de Tomás Notario e a súa contribución ao desenvolvemento urbano de Lugo, despois de que o Ministerio denegase a proposta para que a Ponte de As Saamasas levase oficialmente o seu nome.
Durante a súa intervención, a alcaldesa cualificou o acto como un exercicio de “xustiza e gratitude” cara a unha persoa que contribuíu de forma determinante a construír o Lugo actual. Sinalou que as cidades avanzan grazas a persoas capaces de ir máis alá do seu tempo, e situou a Notario nese grupo.
Candia repasou parte do seu legado profesional e institucional, destacando actuacións como a Segunda Rolda, a circunvalación da N-VI, a Ponte de As Saamasas, a ampliación do Polígono do Ceao, a construción do Parque de Bombeiros, institutos, instalacións deportivas, centros de saúde ou o Centro Sociocultural de Fingoi, entre moitas outras infraestruturas.
Tamén lembrou a súa implicación no arranque do Campus Universitario, no desenvolvemento do PXOM de 1991, na planificación urbanística e na creación de solo para miles de vivendas, así como na mellora de infraestruturas e servizos no rural lucense.
Desde o Colexio de Enxeñeiros púxose en valor a súa traxectoria profesional e a súa contribución ao interese xeral, mentres que a representante da entidade, María Reigosa, destacou a importancia de recoñecer o labor das persoas que transforman as cidades a través da enxeñería e o servizo público.
O acto concluíu co descubrimento da placa conmemorativa, que desde agora lembrará de forma permanente a figura dun dos responsables públicos e profesionais que máis influíron na transformación de Lugo nas últimas décadas.
Pola súa parte, o deputado Miguel Fernández destacou o legado dun profesional que deixou unha pegada duradeira na transformación da capital lucense e puxo en valor unha infraestrutura que, máis de medio século despois da súa construción, continúa sendo unha conexión fundamental para a cidade e un exemplo da importancia do seu traballo ao servizo do interese público.