Toponimízate chega este venres a Antas de Ulla

LugoXa
Nesta sesión, os asistentes aprenderán a utilizar a aplicación Galicia Nomeada
concello-de-antas-de-ulla
4 sep 2024

A campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” visitará Antas de Ulla este venres, 6 de setembro. A partir das 19:30 horas, Vicente Feijoo, coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, ofrecerá unha charla na Antiga Casa Cuartel (avenida de Palas de Rei, 1). Nesta sesión, os asistentes aprenderán a utilizar a aplicación Galicia Nomeada, que permite rexistrar e xeorreferenciar nomes tradicionais de leiras, montes, camiños e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e a investigadora e docente Andrea Santiso, autora do volume "Toponimia de Antas de Ulla", editado pola RAG dentro da colección Terra Nomeada, participarán na presentación do evento. A charla terá lugar no concello situado no centro xeográfico de Galicia. “Toponimízate” é unha iniciativa da Real Academia Galega, co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, que ten como obxectivo concienciar á poboación sobre a importancia de preservar a microtoponimia local e involucrar á veciñanza na súa recolleita mediante a aplicación Galicia Nomeada.

Actualmente, só se introduciron unhas ducias de microtopónimos no visor desta ferramenta dixital no concello de Antas de Ulla, que abarca máis de 103 quilómetros cadrados. A aplicación Galicia Nomeada non só permite xeorreferenciar os nomes, senón tamén subir imaxes e arquivos de son que recollan a fonética ou as lendas asociadas a cada microtopónimo. Esta sesión será unha oportunidade para que os veciños e veciñas colaboren na preservación da riqueza toponímica da súa terra.

0.21615219116211