Toponimízate visita catro concellos da provincia este ano

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
No 2022 duplica o número de sesións do ano pasado. Os concellos da provincia onde se impartirán serán Pantón, A Fonsagrada, Guntín e O Incio.
PRESENTACION TOPONIMIZATE 2022
PRESENTACION TOPONIMIZATE 2022
9 Xuño 2022

A edición de 2022 duplica o número de sesións do ano pasado. Os concellos da provincia onde se impartirán serán Pantón, A Fonsagrada, Guntín e O Incio.

A iniciativa de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra duplica neste ano 2022 a oferta de actividades e chegará a 17 concellos. Coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a campaña chega á súa quinta edición co obxectivo principal de difundir o valor da riqueza toponímica e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras no gran proxecto colectivo de salvagarda dos nomes de lugar a través da aplicación Galicia Nomeada.

Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio son os concellos onde se impartirán as charlas con este dobre obxectivo.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este mércores na sede da RAG a campaña. As sesións de Toponimízate, como en edicións anteriores, serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, contando coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza na elaboración das etimoloxías.

Víctor F. Freixanes salientou o valor cultural e simbólico da toponimia e da importancia de iniciativas coma esta que contribúen á súa divulgación e conservación. “A toponimia forma parte da nosa memoria histórica. Cada nome de lugar ten detrás a historia do país, o tempo dos avós que se transmite aos netos. Esta campaña está pensada para informar e sensibilizar a sociedade sobre o noso patrimonio, e para facela partícipe dun valor que nos enriquece e que nos dá un sitio no mundo. Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio”, expresou o presidente da institución.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades fixo fincapé tamén “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”. Valentín García salientou nesta liña que cómpre ademais promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “involucrar o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.

Concellos con necesidades urxentes

Nesta nova xeira de charlas, procurouse escoller concellos onde a microtoponimia –nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos...– corre maior risco de se perder, quer por viviren un forte despoboamento nas últimas décadas (por exemplo Laza, A Fonsagrada, O Incio ou Chandrexa de Queixa), quer por sufriren amplos procesos de transformación do territorio ao seren concellos próximos a grandes vilas e cidades (Oleiros, Ponteareas, Allariz...). Tívose en conta ademais o feito de que moitos dos concellos elixidos non foron obxecto de traballos de recolla na época que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), o que fai aínda máis necesaria esta iniciativa que procura tamén acadar novas persoas colaboradoras para plataforma Galicia Nomeada.

As charlas de Toponimízate constan de varios bloques temáticos. O primeiro incide na riqueza toponímica de Galicia e o risco que corre de perderse; a continuación explícase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os topónimos que coñeza; a terceira parte céntrase nas utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural, unha vez  está xeorreferenciada e normativizada; e, por último, dáse conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello.

Toponimízate 2022 data a data

O concello lucense de Pantón abrirá o pano de Toponimízate 2022 o venres 17 de xuño no salón de actos da Casa da Cultura. Para o mes de xullo están reservadas tres datas: a primeira, o día 4 no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada, e terá como público de excepción os maiores sadenses, gardiáns da toponimia deste concello das Mariñas coruñesas, un concello, coma tantos outros, no que urxe recoller a microtoponimia. A segunda será o día 8, na Casa do Concello de Laza, ás 20:00 horas; e a terceira das charlas será en Chandrexa de Queixa, o venres, 29 de xullo, no antigo colexio de Celeiros. Xa en agosto, chegará a quenda do concello da Fonsagrada, o venres 19 a partir das 19:00 horas ao Salón de actos municipal dos Chaos.

Tras as citas do verán, o groso da campaña desenvolverase, como é habitual, no outono. Covelo será a sexta das paradas, o venres 30 de setembro, ás 11:30 horas. En outubro a campaña continuará en Castrelo de Miño (mércores, 5 de outubro ás 11:30 horas no CEIP Castrelo de Miño); Rodeiro (venres, 7 de outubro ás 20:00 no Centro Cultural Manuel Lamazares); Fisterra (luns, 10 de outubro ás 17:00 horas no salón de actos da Casa do Concello); Ortigueira (xoves, 20 de outubro ás 11:00 h no Teatro da Beneficiencia); Allariz (venres, 21 de outubro ás 20:00 horas na Casa da Cultura) e Oleiros (venres, 28 de outubro, ás 20:00 h no Auditorio da Fábrica, en Perillo).

Para novembro quedan as restantes citas, que serán en Ponteareas (mércores, 9 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal); Forcarei (venres, 18 de novembro, ás 12:00 horas no CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei); Zas (luns, 21 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio); Guntín (mércores, 23 de novembro ás 12:00 horas na Casa da Cultura); e, finalmente, no Incio (venres 25 de novembro ás 19:00 horas no salón de usos múltiples do Casa do Concello).

Coas 17 sesións que se van levar a cabo este ano, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega xa a un total de 70 concellos do país.

Máis de 43000 microtopónimos recuperados

Unha parte importante das charlas Toponimízate teñen como centro de atención a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, Galicia Nomeada, que conta xa con máis de 2600 as persoas colaboradoras. Grazas a elas, foron máis de 43000 os microtopónimos recuperados e postos á disposición de toda a cidadanía galega na rede desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019. Este exército de voluntarios culturais engadiu nomes de 292 concellos galegos. Estas achegas resultan de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou o traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda, por citar só algúns dos concellos onde máis achegas se fixeron.

Neste último, Silleda, un dos principais colaboradores foi o IES Pintor Colmeiro. Este instituto é un dos máis de trinta centros educativos que forman parte do proxecto e que levaron a toponimia ás aulas ou aos proxectos docentes a través de iniciativas do profesorado ou dos equipos de dinamización lingüística. Recentemente sumáronse o IES Illa de Arousa, o IES Marqués de Sargadelos, o IES Terra de Soneira ou o CPI O Mosteiro de Meis. Durante a campaña Toponimízate deste ano tamén se incorporarán outros centros de ensino como o IES Maximino Romero de Lema de Baio, o CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei ou o CEIP Castrelo de Miño.

As persoas interesadas en colaborar na recuperación da toponimia tradicional poden contactar cos responsables de Galicia Nomeada a través da web, https://galicianomeada.xunta.gal, do correo electrónico toponimia@academia.gal ou no teléfono 881 995 322.

0.19779896736145