Transportes licita por máis de 603.000 euros obras para mellorar a seguridade viaria na N-540 e na N-120 en Lugo

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
A intervención abrangue 144 quilómetros das dúas estradas estatais, con actuacións nos concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos e Pantón
gráfica melloras transportes Lugo
16 Nov 2026

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vén de licitar por 603.634 euros, IVE incluído, un contrato de obras para mellorar a seguridade viaria en distintos puntos das estradas N-540 e N-120 ao seu paso pola provincia de Lugo. En concreto, actuarase nos primeiros 68,5 quilómetros da N-540 e nun treito de 75,5 quilómetros da N-120.

O anuncio da licitación xa foi publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público (PLACSP) e proximamente publicarase no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Na N-540, os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0 e 68,5, nun percorrido que atravesa os concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, antes de entrar na provincia de Ourense. Pola súa banda, na N-120 a intervención abranguerá desde o quilómetro 473 ata o 548,5, nun tramo que pasa polos municipios de Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos e Pantón.

O obxectivo do contrato é corrixir os elementos susceptibles de mellora identificados nas inspeccións de seguridade viaria realizadas nas dúas estradas. Para iso, instalaranse novos sistemas de contención e substituiranse ou adecuaranse os xa existentes.

As deficiencias detectadas están relacionadas principalmente coa presenza de obstáculos ou desniveis sen a protección axeitada, como estribos e pilas de pasos superiores, desmontes en rocha, pasos salvacunetas, carteis, postes, muros ou noiros. Tamén se identificaron sistemas de contención cunha lonxitude de anticipación ou continuidade insuficiente.

Con estas actuacións, Transportes pretende mellorar as condicións de seguridade viaria, manter unha adecuada conservación e explotación das estradas e reducir o risco de sinistralidade. A intervención enmárcase no programa de conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado.

0.51195788383484