Ulloa Viva “lamenta” que o PP vote “en contra da veciñanza de Palas" e a favor de Altri
A Plataforma Ulloa Viva quere amosar o seu “descontento” porque “unha vez máis o PP en contra dos veciños
e veciñas que estamos preocupados polo proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei”. Dende Ulloa Viva consideran “un novo ataque á veciñanza e a mesma defensa a ultranza dunha multinacional” o que o PP fixo cos seus votos na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, “censurando” un debate sobre Altri na orde do día desa comisión do vindeiro 3 de outubro. Ulloa Viva agradece a loita que a eurodeputada do BNG Ana Miranda está a facer pola defensa do territorio ameazado pola macrocelulosa.
Miranda presentou “con motivo de urxencia” unha proposta para incluír na orde do día desta Comisión de Peticións un debate sobre Altri, coincidindo co arranque da lexislatura en Bruxelas. A Plataforma “lamenta” que foran os votos do PP (mesmo de algún deputado do territorio afectado polo proxecto de Altri) os que impediran este debate. Dende a Plataforma Ulloa Viva “non se entende” esta actitude do PP “que defende un ataque mortal contra o corazón da Galiza en contra mesmo dos informes técnicos e científicos” coma o presentado este mes polo Consello da Cultura Galega, pero á hora da verdade “cando hai que expoñer e debater o que defenden en Bruxelas, agóchanse atrás dos seus votos en contra para que non se trate o tema” nas institucións comunitarias. Denuncia da Plataforma diante da UE
A Plataforma Ulloa Viva xa presentou diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo unha denuncia polos “graves incumprimentos” que o proxecto da macrocelulosa de Altri supón alomenos en sete directivas comunitarias. Esta
denuncia está a ser tramitada en Bruxelas e Ulloa Viva estará alí para defendela en canto a Comisión de Peticións nos chame para tratala. Dende Ulloa Viva aseguran que “imos chegar até o final”, e a denuncia diante da UE é un paso
fundamental na nosa loita, xa que a macrocelulosa de Altri é “un atentado contra todos os principios medioambientais que defende Bruxelas”.
Dende Ulloa Viva agardan que “cando a nosa denuncia chegue á orde do día desta Comisión, o PP teña a valentía de deixar que se debata un asunto importante para o noso país e fundamental para o futuro da Ulloa, o Deza, Terras de Melide e Arzúa”, ademais do resto de concellos da conca do Ulla e a Ría de Arousa. A Plataforma agarda que o PP “abandone a súa actitude de tentar silenciar un conficto e unha preocupación que é xa un clamor social contra Altri”. Dende a Plataforma critican a “dobre actitude” que o PP está a ter neste asunto, xa que “acoden prestos e con celeridade e esixencia a tódolos estamentos a pedir cartos públicos para un proxecto privado, pero néganse a que se debata sobre o mesmo” na Unión Europea.