Un concerto infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona pecha as festas de Ligonde, en Monterroso

A cativada terá un papel protagonista na xornada de peche das festas de Ligonde, no concello de Monterroso, que se están a celebrar este fin de semana. A comisión organizadora decidiu rematar os festexos cunha proposta pensada especialmente para o público infantil: unha actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, que subirá ao escenario do campo da festa o domingo ás 18.00 horas. O concerto conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, visitou esta tarde a localidade para coñecer de primeira man os preparativos e apoiar a iniciativa impulsada pola comisión de festas. Durante a súa visita, destacou que as festas patronais adoitan ter un marcado carácter interxeracional, xa que están concibidas para reunir a toda a veciñanza, sen importar a idade. Neste sentido, subliñou especialmente o acerto de incluír unha proposta dirixida ao público infantil, unha decisión que, segundo explicou, atraerá ata Ligonde familias de toda a comarca. A responsable de Cultura tamén puxo en valor a calidade dos espectáculos e da música infantil que na actualidade se fai en lingua galega.
Esta actuación enmárcase dentro dun programa máis amplo que a área de Cultura da Deputación desenvolve por toda a provincia, en colaboración con asociacións e concellos. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a presenza da música tradicional, así como de artistas e agrupacións que interpretan os seus repertorios en galego, en festivais, festas populares e outras celebracións locais.
Quen son Uxía Lambona e a Banda Molona
O grupo que poñerá música ao remate das festas de Ligonde é unha formación musical dedicada ao público infantil, creada no ano 2014. Dende os seus inicios, o seu propósito foi conseguir que os nenos e nenas canten e bailen, achegándolles a música tradicional galega dun xeito atractivo e adaptado a eles. Para conseguilo, combinan diferentes estilos musicais e letras propias, sempre interpretadas en galego. A banda conta ata o momento con tres discos publicados: 'Uxía Lambona e a Banda Lambona', 'A bailar coma tol@s' e 'Astronauta Sideral'.
O resto do programa festivo
As festas de Ligonde arrincan este venres pola noite, cunha churrascada gratuíta e verbena popular. A xornada central vivirase o sábado, día no que se combinarán os actos relixiosos propios das festas patronais cunha sesión vermú ao mediodía e unha nova verbena pola noite, antes de que o domingo chegue o peche coa proposta musical infantil.