Un documental recupera a Revolución Galega de 1846 cunha estrea en Lugo

A Revolución Galega de 1846 centra o documental "1846 – Revolución Galega", que se estreará en Lugo este xoves 22 de outubro, ás 20:15 horas, na Casa do Saber. A sesión, organizada pola Fundación Galiza Sempre e o Club Cultural Valle Inclán co gallo do 180 aniversario dos feitos, incluirá un coloquio co director da peza, César Caramês, estudoso deste episodio histórico.
O filme é o resultado de anos de investigación de Caramês, profesor de lingua e literatura galega, co obxectivo de recuperar a memoria dun dos acontecementos destacados da historia contemporánea de Galicia. A produción reúne 17 especialistas de ámbitos como a historia, a economía, a literatura, a antropoloxía, a política, a socioloxía e os estudos de xénero para ofrecer diferentes perspectivas sobre os feitos e o seu contexto.
Entre as persoas participantes figuran Carlos Callón, Ascensión Cambrón, Camilo J. Cortizo, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Isidro Dubert, Eliseo Fernández, Manuel Gago, Xurxo Martínez, Francisco Prieto, Juan Renales, Henrique del Río, Francisco Rodríguez, Antom Santos, Goretti Sanmartín, Iria Taibo, Marga do Val e X. Ramón Veiga.
Unha revisión da historia galega
A iniciativa enmárcase no traballo da Fundación Galiza Sempre para divulgar a Revolución de 1846 e o seu significado histórico. A entidade impulsou nos últimos anos a colección "Efemérides da Galiza", que dedicou os seus primeiros volumes ao 175 aniversario dos Mártires de Carral, cun texto de Xusto Beramendi, e ao bicentenario da morte de Antolín Faraldo, da man de Henrique del Río. A publicación máis recente, escrita por Caramês, céntrase especificamente na Revolución Galega.
A fundación tamén promoveu, xunto coa editora Tempo Galiza, unha edición facsimilar completa do xornal "El Porvenir", co propósito de facilitar o acceso ás fontes históricas.
Segundo defende a entidade, a Revolución Galega segue a ser pouco coñecida e a súa interpretación tradicional non sempre recoñeceu a dimensión política, social e popular do movemento. O documental pretende contribuír a revisar ese relato e a afondar nas repercusións dos acontecementos de 1846 na evolución do pensamento político galego e na comprensión da historia contemporánea de Galicia.