Un libro de Adra Pallón retrata a relación entre os cabalos, os besteiros e a paisaxe lucense

O Pazo de San Marcos acollerá este mércores 18 de novembro, ás 12:00 horas, a presentación de 'Ferra-lo vento', un libro fotográfico de Adra Pallón que documenta a pegada do cabalo na cultura e no territorio da provincia de Lugo. A publicación, promovida pola Vicepresidencia da Deputación e Puraga, aborda desde unha perspectiva creativa a relación entre os animais, as persoas que os coidan e a paisaxe na que viven.
No acto participarán o deputado de Rural, Daniel García; o fotógrafo Adra Pallón; Belén Cordero, responsable do deseño da publicación; e Neves Neira, autora do texto que pecha o libro. Tamén asistirán gandeiras e gandeiros que colaboraron co fotógrafo durante os case dous anos de traballo que requiriu o proxecto.
García enmarcou a iniciativa no apoio da área de Rural á gandaría extensiva e á cría de animais no monte. Segundo explicou, trátase dunha actividade produtiva que contribúe á conservación do medio natural e ao mantemento da poboación no rural, pero que tamén representa unha forma de vida e de relación cos animais e co territorio que forma parte do patrimonio provincial.
A presentación terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do espazo.
Máis dun cento de fotografías en tres partes
'Ferra-lo vento' reúne máis dun cento de fotografías estruturadas en tres partes que percorren diferentes dimensións da relación entre as bestas, os besteiros e as besteiras e a paisaxe.
A primeira sección sitúa os animais no seu medio natural, con imaxes dos seus corpos, das greas e do territorio entre a néboa, a neve e as turbeiras. A paisaxe adquire un papel protagonista e preséntase como un elemento que inflúe na vida dos cabalos e que, á súa vez, se transforma co seu paso.
A segunda parte céntrase na relación entre as bestas e as persoas que as coidan, acompañando os labores de procura e recollida dos animais no monte, os curros, as feiras, as rapas e os procesos de amansamento. As fotografías amosan o coñecemento e a experiencia acumulados ao longo do tempo, así como a tensión existente entre o coidado e o control dos animais.
A última sección cambia a perspectiva e ofrece retratos dos besteiros cos seus cabalos nos lugares e nas posicións nas que eles mesmos decidiron mostrarse. Deste xeito, a publicación concédelles tamén protagonismo á hora de construír a súa propia imaxe ante a cámara.
O libro documenta, ademais, unha trintena de marcas coas que as explotacións gandeiras identifican os animais que viven no monte, contribuíndo a preservar parte da memoria e da identidade desta actividade tradicional.