Unha axuda do Agader destinarase a crear a nova área recreativa de Donís

Os concelleiros do PP de Cervantes celebran a concesión, por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dunha subvención directa á Asociación Veciñal de Donís para levar a cabo o proxecto de construción dunha área recreativa na contorna desta parroquia.
Esta actuación permitirá crear e acondicionar un novo espazo para uso e desfrute dos veciños do municipio e de todas as persoas que visitan Cervantes, contribuíndo así a mellorar os espazos de encontro e lecer e á posta en valor da contorna natural.
Os concelleiros do PP de Cervantes destacan que, tras as distintas xestións realizadas para facer posible este proxecto, os propietarios da parcela na que se construirá a área recreativa decidiron doala á Asociación Veciñal de Donís.
Os populares queren agradecer publicamente este “xesto de xenerosidade e compromiso coa parroquia”, que consideran fundamental para poder facer realidade a actuación.
Dende o Partido Popular de Cervantes tamén queren agradecer á Xunta de Galicia e a AGADER o seu compromiso co rural galego, apoiando iniciativas que permiten mellorar os nosos pobos, favorecer a convivencia e crear novos espazos ao servizo dos veciños e visitantes.
Os concelleiros populares felicitan igualmente á Asociación Veciñal de Donís polo seu traballo e implicación na posta en marcha desta iniciativa e agradecen especialmente aos propietarios a doazón do terreo, unha achega fundamental para facer posible a creación desta nova área recreativa.