Unha nova edición do festival Zumbanocoiro terá lugar o 23 de maio na Praza de Santa María

A asociación A Volta do Agro organiza unha nova edición do festival Zumbanocoiro, que se celebrará o vindeiro 23 de maio na Praza de Santa María, consolidándose como unha das citas culturais vinculadas á música de raíz na cidade.
O evento conta coa colaboración do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, nunha aposta conxunta por reforzar unha programación que pon en valor a música tradicional e o talento local.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou que Zumbanocoiro exemplifica o traballo desenvolvido para achegar a cultura á veciñanza e dinamizar os espazos públicos mediante propostas que reforzan a identidade galega.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, subliñou a importancia de apoiar iniciativas nacidas do tecido asociativo que contribúen a construír unha programación cultural diversa, accesible e de calidade para toda a cidadanía.
O cartel desta edición estará integrado por Unto Vello, Mediarea e Os Carecos, convertendo a Praza de Santa María nun punto de encontro festivo arredor da música tradicional.
Desde a Tenencia de Alcaldía animaron á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición, coa que Lugo continúa reforzando o seu papel como referente na promoción da cultura galega.