Unhas 220 gandarías de Rubia Galega recibirán as axudas do programa Marela

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución provisional da convocatoria, que se publicará o vindeiro 27 de agosto no BOP
programa-marela-presentacion
21 Aug 2026

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a resolución provisional das axudas á recría de xatas de Rubia Galega nas granxas de nacemento, convocadas pola área de Rural da Vicepresidencia.

As axudas, encadradas no programa Marela!, beneficiarán a 220 ganderías da provincia, que recibirán importes entre os 400 e os 4.000 euros, en función do número de xatas reprodutoras - cun parto antes dos 36 meses – que realizan a recría na propia granxa de nacemento. En total, as axudas vincúlanse á recría de 718 animais.

O deputado de Rural Daniel García destacou “a continuidade do programa que se consolida como un apoio directo á recría e á gandería de vacún de carne, un sector fundamental para a provincia polo seu impacto económico pero tamén social e medioambiental, xa que falamos sobre todo de granxas de pastoreo situadas, na súa maioría, en concellos de montaña onde esta gandería é a mellor alternativa para a xestión do territorio en mosaico e a prevención de lumes".

A resolución coa listaxe de ganderías beneficiarias publicarase o xoves 27 de agosto no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ás ganderías de razas autóctonas compleméntase cunha segunda liña de subvencións, vinculada ao programa Morenas! e dirixida a granxas con razas bovinas, ovinas e caprinas en risco de erosión xenética - Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá ou Vianesa, de Ovella Galega e de Cabra Galega -, que se resolverá nas vindeiras semanas. En suma, a área de Rural destina ás ganderías de razas autóctonas axudas directas por importe de 400.000 euros.

0.12151908874512