Usuarios do HULA levan semanas sen unha das escaleiras mecánicas máis utilizadas do hospital

LugoXa
A infraestrutura, que comunica a entrada principal coa planta de Urxencias e Radioloxía, leva semanas fóra de servizo á espera da chegada de pezas para a súa reparación
escaleras-mecánicas-en-obras-HULA-Lugo
14 Aug 2026

Usuarios e pacientes do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) veñen mostrando nas últimas semanas o seu malestar pola avaría dunha das escaleiras mecánicas máis transitadas do centro hospitalario. Trátase da escaleira de baixada que conecta a planta de acceso principal coa planta inferior, onde se atopan servizos como Urxencias, Radioloxía e varias unidades de hospitalización.

A instalación permanece inutilizada desde hai varias semanas, obrigando ás persoas que acoden ao hospital a utilizar os ascensores ou as escaleiras convencionais para desprazarse entre ambos niveis. A situación afecta especialmente a persoas maiores, pacientes con problemas de mobilidade e acompañantes que acceden diariamente ao complexo sanitario.

Segundo a información trasladada pola empresa encargada do mantemento, a reparación continúa pendente da chegada de determinados compoñentes necesarios para poñer novamente en funcionamento a infraestrutura. A previsión é que esas pezas estean dispoñibles a comezos do próximo mes.

A demora xerou críticas entre os usuarios, que consideran excesivo o tempo que leva fóra de servizo unha instalación situada nun dos puntos con maior tránsito do hospital. As queixas diríxense tamén ao Sergas, ao que reclaman unha maior axilidade na resolución deste tipo de incidencias, especialmente nun centro de referencia para toda a provincia de Lugo.

Mentres tanto, o hospital está a aproveitar o período estival para executar distintas actuacións de mellora en dúas unidades de hospitalización. As obras afectan ás plantas 3C2, de Medicina Interna, e 3B2, de Cirurxía, que suman un total de 68 camas temporalmente pechadas.

Os traballos inclúen a substitución dos pavimentos, labores de pintado e a renovación do sistema de chamada ao control de Enfermaría, utilizado polos pacientes para solicitar asistencia desde as habitacións e os baños.

A previsión é que a unidade de Cirurxía recupere a actividade a mediados de setembro, mentres que a reapertura da planta de Medicina Interna podería producirse a finais de setembro ou durante o mes de outubro, en función das necesidades asistenciais do centro.

0.12932109832764