Veciños de Milleirós reclaman o arranxo dun depósito contra incendios en estado de abandono

Veciños da parroquia de Milleirós, no concello de Pol, reclaman unha actuación para poñer en condicións un depósito de auga contra incendios situado nos terreos da Comunidade de Montes Abertais de Milleirós, que, segundo denuncian, permanece actualmente nun estado de abandono.
Os residentes aseguran que esta situación foi comunicada xa ao secretario da comunidade ao comezo do período estival, coa petición de que se trasladase á Administración competente a necesidade de reparar e manter o depósito. Porén, sinalan que, malia transcorrer os meses, a infraestrutura continúa sen ser arranxada.
Segundo explican os veciños, tras consultar co persoal da Consellería do Medio Rural encargado desta materia, trasladóuselles que non constaba ningunha solicitude formal por parte da comunidade de montes para actuar sobre o depósito.
Ante esta situación, a veciñanza pretende reclamar novamente ao secretario da Comunidade de Montes Abertais de Milleirós que tramite de maneira formal a petición ante a Consellería do Medio Rural, co obxectivo de garantir que o depósito contra incendios se manteña en bo estado de conservación e poida cumprir a súa función.
A necesidade de realizar esta xestión quedou tamén posta de manifesto na última reunión da Comunidade de Montes Abertais de Milleirós, segundo trasladan os veciños, que consideran necesario resolver a situación antes de que volva incrementarse o risco asociado aos incendios forestais.