Veciños denuncian danos nas mesas e bancos da Feira de Nadela tras os traballos de limpeza

LugoXa
A denuncia chega poucas semanas despois das críticas de colectivos locais pola actuación municipal na carballeira e cuestiona o estado no que quedaron varios elementos utilizados pola veciñanza
nadela mesas
22 Aug 2026

Varias veciñas e veciños de Nadela denuncian o estado no que quedaron algunhas das mesas e bancos de pedra situados no campo da feira despois dos últimos traballos de limpeza realizados na zona. Segundo trasladan, varios destes elementos apareceron danados e algunhas das pedras terían quedado agochadas debaixo das propias mesas.

A denuncia prodúcese semanas despois da celebración da Feira de San Pedro, unha cita tradicional na que estes elementos son utilizados habitualmente pola veciñanza. Os afectados aseguran que os danos xa foron detectados hai varias semanas e que, polo momento, non terían recibido unha solución por parte do Concello de Lugo.

Os veciños consideran necesaria a limpeza e conservación da carballeira, pero cuestionan a maneira na que se terían desenvolvido os traballos. 'Manter a carballeira limpa, claro que si, pero tamén hai que ter control e coñecemento sobre os bens que son de todos', sinalan.

A situación engádese ás críticas que xa se produciron este verán arredor do mantemento do campo da Feira de Nadela. A Asociación Cultural Entre a Néboa denunciou a principios de agosto que solicitara en dúas ocasións ao Concello a limpeza da carballeira antes da Feira de San Pedro e que, segundo aseguraba, non obtivera resposta. A entidade afirmou que finalmente foron os seus propios socios e colaboradores os que realizaron labores de desbroce e acondicionamento para preparar o espazo. 

A polémica resulta especialmente chamativa porque o Concello anunciou en febreiro un operativo específico de limpeza e acondicionamento do campo da Feira de Nadela. Segundo informou daquela a Administración local, os traballos incluíron a limpeza a presión das mesas, da marquesiña do autobús e dos contedores, ademais do desbroce da zona, o baldeo de toda a área e unha limpeza final coa varredora.

Precisamente, son agora algunhas desas mesas e bancos de pedra os que, segundo os veciños que trasladan a denuncia, presentan danos tras os traballos realizados. A veciñanza reclama que se revisen os elementos afectados e que se proceda á súa reparación, ao considerar que forman parte dun espazo público utilizado durante décadas.

A Feira de Nadela ten unha longa tradición e constitúe un dos puntos de encontro máis vinculados á actividade do rural lucense. O propio Concello destacou en anteriores ocasións o seu valor como elemento de identidade das parroquias e como espazo de encontro para a veciñanza.

Os denunciantes consideran que o mantemento dun espazo destas características non debería limitarse á limpeza da vexetación ou do pavimento, senón que tamén debería incluír a conservación dos elementos que forman parte do propio campo da feira.

Polo momento, os veciños reclaman que o Concello revise os danos sinalados e dea unha resposta sobre o ocorrido. A súa petición chega nun momento no que o estado e o mantemento da carballeira xa xeraran críticas por parte de colectivos da parroquia.

0.12673997879028