Volve o 'Celme de Zanfona' a Lugo con música e clases maxistrais

LugoXa
Lugo acollerá a segunda edición do encontro Celme de zanfona do 2 ao 5de xuño, cunha ampla programación de música nas rúas da cidade
Celme de Zanfona
24 Maio 2022

A área de Artesanía da Deputación vén de presentar a segunda edición do encontro Celme de Zanfona, que xuntará na cidade de Lugo concertos, clases maxistrais e mesas redondas ao redor deste instrumento milenario. Esta cita coa tradición musical terá lugar do 2 ao 5 de xuño.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, e a vicepresidenta da Deputación e concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, explicaron hoxe o programa deste evento.

Baixo o epígrafe A esencia da zanfona galega: orixe, sons, textos e contextos, instrumento en movemento, o encontro propón unha programación orientada á formación e á interpretación, incluíndo un amplo repertorio de actuacións nas rúas do casco histórico da cidade para socializar e visibilizar o instrumento.

Efrén Castro explicou que "damos un paso máis no obxectivo de converter Lugo nun espazo de diálogo e de exposición de ideas para seguir xenerando riqueza para o patrimonio musical deste país"

"Como sinalamos na primeira edición, Lugo cumpriu a través do taller de instrumentos da Deputación de Lugo un papel fundamental na recuperación deste instrumento,e a intención deste encontro é seguir contribuíndo ao futuro da man de grandes de músicos e profesionais da zanfona que temos en Galicia. Por iso, o programa está orientado fundamentalmente á formación e reunirá a gran parte das escolas de zanfona do país".

Do contido destacou "tres clases maxistrais a cargo de Suso Vaamonde, Antón Castro e Óscar Fernández" ou "unha mesa redonda dedicada aos problemas aos que se enfrontan os novos zanfoñistas á hora de buscar compañeiros de formación con outros instrumentos".

A participación nas clases maxistrais, con prazas limitadas a 15 alumnos/as, require inscrición previa a través do enderezo electrónico celmedezanfona@gmail.com.

En movemento

Da man da Concellería de Cultura de Lugo e da Asociación de Gaiteiros Galegos, Celme de Zanfona inclúe unha ampla programación de rúa baixo o título Instrumento en movemento, con actuacións de intérpretes e formacións de referencia como Germán Díaz, Óscar Fernández, Suso Vaamonde, Francisco do Romualdo ou Sobre Rodas (Luis Caruncho e Carlos do Viso) e Monifates, e tamén cun encontro de escolas de zanfona de toda Galicia.

0.13296103477478