Xa está aberta ao público a nova senda que enlaza os paseos fluviais do Rato e do Miño

O alcalde de Miguel Fernández e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, inauguraron a intervención que culmina o cinto verde de Lugo, tras a recepción por parte do Concello dunha obra executada polo organismo de conca.
Esta actuación pon a disposición da cidadanía unha nova senda que enlaza os paseos fluviais do Rato e do Miño, configurando un espazo natural acondicionado de máis de 20.000 metros cadrados.
A intervención supón a incorporación desta superficie ao cinto verde da cidade, mediante traballos que incluíron a eliminación de vexetación deteriorada, a nivelación do terreo e a creación dun sendeiro de dous metros de ancho con pavimento estable e seguro.
Ademais, instaláronse bordos de granito, sistemas de drenaxe, bancos do mesmo material, papeleiras metálicas e iluminación a través de 17 luminarias LED. O proxecto tamén apostou pola integración ambiental coa plantación de especies autóctonas como carballos, freixos, abeleiras e bidueiros, a sementeira de céspede e a colocación de casetas-refuxio para esquíos.
Esta obra é froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a CHMS, que marcou un avance significativo na integración do río na vida diaria da cidade.
O rexedor destacou a importancia da cooperación institucional, agradecendo a implicación e compromiso do organismo de conca e do seu presidente, ao tempo que puxo en valor o papel destes aliados no desenvolvemento de proxectos estratéxicos.
Miguel Fernández subliñou que esta actuación vai máis alá da creación dunha nova senda, ao representar un modelo de cidade verde, sostible e orientada á veciñanza. Neste sentido, incidiu en que o espazo contribúe a fomentar o deporte, o sendeirismo e as actividades ao aire libre, ao tempo que mellora a calidade de vida e impulsa un futuro máis sostible.
Pola súa banda, José Antonio Quiroga destacou que a conexión dos paseos fluviais do Miño e do Rato consolida un corredor verde de máis de 12 quilómetros, combinando mobilidade sostible, mellora ambiental, lecer e valorización patrimonial. Tamén subliñou o impacto positivo da actuación na posta en valor das ribeiras fluviais e na ampliación das zonas verdes públicas, así como na sensibilización da cidadanía sobre a importancia de preservar o medio natural.
O alcalde concluíu salientando que a finalización desta obra supón o peche dun dos proxectos ambientais e urbanísticos máis relevantes dos últimos anos, lembrando ademais que Lugo é a única capital de provincia de España que conta co recoñecemento de Reserva da Biosfera, un feito que, segundo indicou, reforza a aposta por un urbanismo en harmonía co patrimonio natural.