Ximena Torrón presenta o proxecto cultural Soa Suarna, que busca dinamizar Navia de Suarna

Ximena Torrón, unha das impulsoras de Soa Suarna xunto a Lucía Castro, mantivo unha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para presentarlle o proxecto cultural que están a desenvolver en Navia de Suarna e explorar posibles vías de colaboración institucional.
Soa Suarna nace como parte do traballo de fin de grao destas dúas estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, pero vai moito máis alá do ámbito académico.
A proposta pretende dinamizar a vida cultural de Navia de Suarna e diversificar a oferta turística da comarca dos Ancares mediante actividades artísticas, musicais e participativas que impliquen tanto á cidadanía como a Administracións, asociacións e outros axentes locais.
O proxecto inclúe unha programación multidisciplinar que comezou en marzo cun obradoiro de cestería e continuará o 19 de abril cun concerto do cantautor vigués Migui Bouzó.
O punto culminante será o 16 de agosto, data na que se celebrará un festival de música con artistas emerxentes de Galicia, converténdose así nun escaparate para o talento local e nun punto de encontro para veciños e visitantes.
O cartel do evento é obra do recoñecido pintor lucense Miguel Anxo Macía, quen tamén quixo aportar a súa visión artística a este proxecto que busca poñer en valor o rural a través da cultura.
Durante a reunión con Javier Arias, as promotoras destacaron a vontade de que Soa Suarna se consolide como unha cita anual que contribúa ao desenvolvemento sostible e á revitalización social de Navia de Suarna.
Arias, pola súa parte, amosou interese pola iniciativa e valorou positivamente o esforzo por parte da mocidade para dinamizar o territorio a través de proxectos innovadores e colaborativos.