Xosé Gago presenta en Lugo o seu poemario ‘Agora, eu cariota’

LugoXa
O Vello Cárcere acollerá un encontro arredor da poesía escrita e oral este sábado ás 18.00 horas
Presentacion-Agora-eu-cariota-Xose-Gago
14 Apr 2026

O Vello Cárcere de Lugo acollerá este sábado 18 ás 18.00 horas a presentación do poemario Agora, eu cariota, do autor Xosé Gago, no marco da programación do Club de Lectura de Lugo. O acto contará coa presenza do propio escritor e a cantareira Branca Villares, recoñecida como unha das figuras máis destacadas da música tradicional da provincia e coñecedor da poesía de transmisión oral.

A cita desenvolverase como un diálogo aberto entre os participantes e o público, no que se explorarán as conexións entre a creación individual e o colectivo, así como os vínculos entre a poesía escrita e a oral, combinando intervencións faladas con recitados e coplas.

Agora, eu cariota, editado por Laiovento, supón o debut poético de Gago. A obra nace da súa experiencia no ámbito da xestión do patrimonio en comunidade, especialmente no concello da Pobra do Brollón, e está marcada por unha defensa do comunitario, das redes de coidados e da veciñanza como elementos de resistencia.

O volume recolle textos escritos ao longo dos últimos seis anos, vinculados en boa medida á ribeira do Sil en Trasmonte, e destaca pola creación de imaxes suxestivas a través de poemas breves. Estrutúrase en varios capítulos, entre os que sobresae “Ribeiranas”, inspirado na vivencia profesional e persoal do autor nesta contorna, onde participou no proxecto Adegas da Memoria e chegou a cultivar viñedo.

A publicación inclúe un prólogo da poeta Susana Sanches Aríns e unha nota na contraportada de Xosé María Álvarez Cáccamo.

0.11688685417175