Xunta e Concello de Baralla abordan novos proxectos para impulsar as infraestruturas e o emprego no municipio

LugoXa
Alfonso Villares destacou o avance das obras nas estradas LU-710 e LU-621 e o desenvolvemento do obradoiro dual Vía Künig
delegado-territorial-da-Xunta-en-Baralla
Actualizada el 24 julio 2026, 09:00 horas
15 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo unha reunión co alcalde de Baralla, Miguel González, na que analizaron os distintos proxectos que se están a executar no municipio, así como novas iniciativas que ambas administracións prevén impulsar nos vindeiros meses.

Durante o encontro, Villares puxo o foco nos investimentos destinados á mellora das infraestruturas viarias, facendo referencia ás actuacións que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a desenvolver en dúas estradas autonómicas que atravesan o municipio.

Neste sentido, explicou que as obras de acondicionamento da LU-710, no tramo de 4,5 quilómetros que une a estrada N-VI coa autovía A-6 ao seu paso por Baralla, están a piques de concluír. Os traballos contan cun investimento de 2,3 millóns de euros e atópanse na fase final de execución.

Ademais, sinalou que está en proceso de adxudicación o reforzo do firme da estrada LU-621, entre A Pobra de San Xiao, no concello de Láncara, e Baralla. Esta actuación supón un investimento de 655.300 euros para mellorar un percorrido de 7,7 quilómetros.

No ámbito do emprego, o delegado territorial destacou a posta en marcha dunha nova edición do obradoiro dual Vía Künig, desenvolvido conxuntamente nos concellos de Baralla, As Nogais e Becerreá.

A iniciativa está financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha achega de 492.500 euros e permitirá que unha vintena de persoas desempregadas reciban formación teórica e práctica vinculada ao sector da construción.

A visita de Alfonso Villares a Baralla enmárcase na rolda de reunións institucionais que está a manter cos alcaldes e alcaldesas da provincia de Lugo co obxectivo de reforzar a colaboración entre administracións e favorecer o desenvolvemento de proxectos de interese para os municipios lucenses.

REACCIÓN DO BNG DE BARALLA

O BNG de Baralla acusou ao alcalde, Miguel González, de "vender fume" á veciñanza tras as reunións mantidas nos últimos días coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e co delegado territorial da Xunta en Lugo. A formación nacionalista considera que estes encontros están a ser utilizados para transmitir unha imaxe de xestión que, ao seu xuízo, non se corresponde coa realidade do municipio.

O responsable local do BNG, Xosé Manuel Fernández, asegurou que, despois de case oito anos á fronte do Concello, o alcalde "non pode seguir presentándose como se acabase de chegar" e afirmou que Baralla continúa arrastrando problemas históricos sen resolver. Entre eles, destacou a situación do abastecemento de auga, que, segundo denunciou, segue rexistrando cortes reiterados e deficiencias na calidade do servizo.

Os nacionalistas consideran insuficiente que a posible solución dependa da obtención de fondos europeos e reclaman unha planificación que permita afrontar este problema sen agardar a futuras convocatorias de axudas. "Baralla necesita proxectos e compromiso das administracións, non seguir adiando solucións", sostivo Fernández.

O BNG tamén cuestionou os anuncios realizados tras a reunión do alcalde co delegado territorial da Xunta, lembrando que actuacións como o acondicionamento da estrada LU-710 entre Baralla e Neira de Rei levan máis dunha década sendo anunciadas sen executarse. Na súa opinión, presentar agora esta obra como un novo compromiso da Xunta supón ignorar anos de promesas incumpridas.

Respecto á actuación prevista na LU-621, os nacionalistas sinalan que a intervención só afectará a un tramo de 7,7 quilómetros da vía e advirten de que o proxecto contempla un recrecemento da capa de rodadura sen fresado previo, o que, segundo indican, podería ocasionar problemas nos accesos ás vivendas e na evacuación das augas.

A formación tamén critica que nesta estrada non se apliquen os mesmos criterios de actuación empregados noutras vías da contorna e considera que esta diferenza de tratamento prexudica a parte da veciñanza.

Por último, o BNG sostén que a maioría absoluta do PP favorece unha forma de gobernar marcada pola falta de diálogo e de autocrítica e asegura que continuará fiscalizando a acción do Goberno municipal e presentando propostas para resolver os problemas do municipio.

0.12272787094116