Yolanda Díaz defende en Cervantes a economía social como motor de desenvolvemento do rural

GaliciaXa | LugoXa
A vicepresidenta segunda participou nun encontro con cooperativas e entidades locais e dialogou co cineasta Oliver Laxe sobre o potencial deste modelo para xerar emprego e arraigo
YOLANDA-DIAZ-E-OLIVIER-LAXE-EN-CERVANTES-2026
3 Oct 2026

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, participou en San Román de Cervantes, na comarca dos Ancares, nun encontro centrado na economía social e no reto demográfico. A xornada reuniu representantes de cooperativas e entidades locais e contou tamén coa presenza do cineasta Oliver Laxe, con quen Díaz mantivo un diálogo sobre o potencial dos proxectos de economía social como vía de desenvolvemento e arraigo nos contornos rurais.

Durante a súa intervención, a ministra defendeu a economía social como un modelo de produción "social, solidario, democrático e con futuro", que pode actuar como motor laboral fronte á "economía especulativa que vivimos hoxe".

Díaz sinalou que España dispón dunha estratexia de país en materia de economía social que, segundo as avaliacións internas citadas pola ministra, está a cumprir o 89 % dos seus obxectivos. A responsable de Traballo cualificou este nivel de cumprimento de "moi forte" e destacou a capacidade deste modelo para promover unha economía "democrática, horizontal, feminista, ancorada aos territorios" e capaz de xerar emprego de calidade e inclusivo.

A vicepresidenta tamén se referiu á situación da economía social no ámbito internacional. Segundo expuxo, este modelo está a sufrir recortes nas partidas de diferentes organismos internacionais, incluída a Organización Internacional do Traballo (OIT). Ao mesmo tempo, explicou que España está a traballar con numerosos países, especialmente africanos, para aprobar nas Nacións Unidas unha terceira resolución sobre economía social.

"Necesitamos hoxe máis ben común que nunca, máis economía social e solidaria que nunca", afirmou.

Escoitar o rural

Unha das ideas centrais da intervención de Díaz foi a necesidade de achegarse directamente aos territorios rurais para coñecer as súas necesidades. "É moi importante que pisemos terra para falar do rural, non desde un despacho en Madrid. Viñemos a escoitar a quen xa estades construíndo ese futuro desde aquí", sinalou.

A ministra definiu a xornada como unha oportunidade para dialogar e reflexionar de maneira colectiva e apuntou que era necesario "proceder como unha cooperativa: dialogar para actuar, reflexionar para facer en común".

Para Díaz, as cooperativas constitúen un elemento relevante para o desenvolvemento económico e laboral dos territorios. "As cooperativas son o motor económico e laboral de moitos territorios, non van por detrás, lideran", afirmou. Segundo engadiu, a cooperación permite facer viables iniciativas económicas que doutra maneira non o serían e facelo mediante "traballo decente e democracia".

A vicepresidenta explicou tamén que unha das liñas estratéxicas do Ministerio de Traballo e Economía Social consiste en utilizar este modelo produtivo como unha ferramenta para revitalizar a vida nos contornos rurais. Neste sentido, destacou a súa capacidade para dinamizar o territorio, reforzar a comunidade, atender necesidades e diversificar a economía e o emprego vinculados aos diferentes servizos da vida rural.

Economía social e territorio

Díaz tamén vinculou a economía social coa dimensión ambiental e coa prevención dos incendios. Para a ministra, trátase dunha "economía preventiva" que pode actuar tanto no ámbito social como no ambiental. Neste contexto, sinalou que a gandaría extensiva e o coidado dos bosques poden constituír unha das mellores accións fronte aos incendios.

Outro dos retos abordados foi a despoboación e o relevo xeracional. Díaz referiuse á situación demográfica da provincia de Lugo e sinalou que en 2025 se rexistraron 1.629 nacementos e 4.952 defuncións, máis do triplo de falecementos que de nacementos.

A vicepresidenta apuntou que a perda de poboación é unha realidade que se vén producindo desde hai anos e defendeu a necesidade de favorecer que as persoas que desexen vivir no rural poidan facelo, así como de atraer novos habitantes que consideren estes territorios unha oportunidade de futuro.

Neste escenario, Díaz situou a economía social como unha ferramenta vinculada ás necesidades reais das comunidades. Segundo explicou, este modelo pode contribuír a afrontar problemas como a despoboación e o envellecemento, ao tempo que ofrece fórmulas centradas nas persoas para desenvolver os coidados e a atención á dependencia.

A ministra sinalou que estas iniciativas poden axudar a manter as persoas no seu contorno e favorecer a creación de espazos de socialización en zonas afectadas polo illamento e a soidade non desexada.

Cooperativas e entidades rurais

A xornada levou por título A Economía Social en contornos rurais de reto demográfico: diálogo, intercambio e estratexias compartidas para impulsar a Economía Social como ferramenta de desenvolvemento sostible no medio rural.

No encontro tamén participou a secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino, nunha das mesas de diálogo e debate con representantes da economía social galega.

A xornada reuniu cooperativistas e entidades da economía social con actividade ou interese no medio rural, co obxectivo de coñecer os retos e oportunidades do seu traballo e intercambiar impresións sobre o desenvolvemento deste modelo económico nestes territorios.

O encontro tamén estivo dirixido a persoas emprendedoras, axentes de desenvolvemento local, grupos de acción local, organizacións agrarias, redes de desenvolvemento rural e proxectos vinculados á innovación social e territorial e á conservación e desenvolvemento do medio rural.

Pola súa parte, A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, en representación da Xunta de Galicia, amosouse convencida do potencial que ofrece esta fórmula para fixar poboación no rural a través da xeración de actividade económica e da creación de emprego de calidade pegado ao territorio. Nesa liña, a directora xeral puxo en valor os case 45 millóns de euros orzamentados este ano pola Xunta a prol da economía social, así como a Estratexia con horizonte 2027 en vigor que persegue a creación de 4.000 empregos e de 400 entidades. Tamén se referiu aos plans locais de economía social que se veñen de presentar en Baiona e Ribadavia, co fin de identificar as oportunidades desas contornas e de definir medidas adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas.

0.15499210357666