‘A arte oculta’ de Luís Miranda únese ás exposicións do Vello Cárcere de Lugo

LugoXa
Esta mostra estará dispoñible desde o 30 de setembro ata o 30 de novembro e incluirá unha selección de 40 óleos sobre lenzo
exposición-Luis-Miranda
30 sep 2024

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou a nova exposición ‘A arte oculta’ de Luís Miranda, que ocupará o espazo das celas dos homes no Vello Cárcere. Esta mostra estará dispoñible desde o 30 de setembro ata o 30 de novembro e incluirá unha selección de 40 óleos sobre lenzo e 15 debuxos a lapis, a través dos que o autor explora o seu pasado, presente e futuro mediante a linguaxe da pintura.

Durante a presentación, Maite Ferreiro salientou a importancia da pintura como un “medio de comunicación cun mesmo e con todo o que nos rodea”. Este concepto, segundo Ferreiro, é clave no traballo de Luís Miranda, que busca que a súa obra sexa atractiva e evocadora para quen a contempla. A concelleira destacou tamén que a obra de Miranda non pretende unha comunicación directa co público, pois a experiencia vital de cada persoa inflúe na súa interpretación.

“A mensaxe artística que Miranda transmite non ten por que coincidir co que percibe o espectador”, subliñou. Ferreiro destacou a linguaxe aberta e a ambigüidade das obras, elementos que considera os máis atractivos da arte, e que se reflicten a través do xogo de luces, sombras e cores. “Este é un traballo que Luís Miranda realiza á perfección”, engadiu a concelleira.

0.089671850204468