PSOE e BNG reclaman a Candia que non recupere a elección de damas e raíñas nas festas da Milagrosa

LugoXa
Os dous grupos da oposición lembran o acordo plenario aprobado por unanimidade en 2016 e cuestionan que o Concello financie e participe nunha celebración deste tipo
Rubén-Arroxo-Lugo
25 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista e o BNG reclamaron ao Goberno de Elena Candia que rectifique e non permita a recuperación da elección de damas e raíñas nas festas da Milagrosa, ao considerar que este tipo de iniciativas supoñen un retroceso nos avances acadados en materia de igualdade. Ambos grupos lembraron que existe un acordo plenario aprobado por unanimidade en 2016 que establece que o Concello non debe financiar festas que inclúan este tipo de actividades.

A portavoz adxunta do PSOE, Ana González Abelleira, considerou "un retroceso alarmante nos principios de igualdade polos que Lugo leva anos avanzando" a recuperación destas figuras. A edil socialista lembrou que o acordo plenario foi aprobado polo conxunto dos grupos políticos da Corporación municipal e rexeitaba expresamente a celebración de actos deste tipo polo seu carácter sexista.

"Non estamos falando dunha opinión dun grupo político nin dunha decisión que dependa da sensibilidade do Goberno de quenda. Existe un acordo plenario adoptado por unanimidade que debe ser respectado", afirmou González Abelleira.

A portavoz socialista considerou especialmente "lamentable" que o Executivo de Candia avale agora unha iniciativa que, ao seu xuízo, vai na dirección contraria aos avances conseguidos nas últimas décadas. "As festas populares son espazos de encontro, participación e convivencia. Non podemos volver a modelos nos que as mulleres e as nenas son convertidas nun elemento ornamental das celebracións e son valoradas en función de determinados estereotipos", sinalou.

González Abelleira defendeu que a igualdade debe estar tamén presente na maneira de organizar e representar as festas dos barrios e parroquias. "O feminismo non pode ser un discurso para os días sinalados. Ten que formar parte das decisións cotiás das administracións e tamén da forma na que construímos os espazos de participación social. Recuperar as damas e raíñas sería dar un paso atrás precisamente nun ámbito no que xa existía un consenso político e social", explicou.

Neste sentido, acusou directamente a Elena Candia de vulnerar os acordos adoptados polo Pleno municipal. "Unha alcaldesa ten a obriga de respectar os acordos da Corporación. Candia non pode seleccionar aqueles que lle gustan e ignorar os que non lle interesan. Se existe un acordo plenario contra este tipo de celebracións, o Goberno municipal debe cumprilo", advertiu.

Por iso, reclamou unha rectificación inmediata. "Pedímoslle a Elena Candia que non dea cobertura institucional a este tipo de iniciativas e que respecte o acordo adoptado en 2016. Lugo non pode avanzar en igualdade mentres o seu Goberno promove ou ampara comportamentos que representan precisamente o contrario", afirmou.

Olalla Rodil esíxelle á Xunta que non apoie o acto

O grupo parlamentario do BNG, a través da deputada Olalla Rodil, esixiu á Xunta que retire "o apoio institucional e económico á recuperación da coroación da raíña e das damas das festas da Milagrosa". A deputada do BNG afirmou que esta actividade é “impresentable, indecente e profundamente retrógrada”, e dixo que organizar este acto supón “unha enorme volta atrás que recupera unha práctica que presenta as mulleres como meros obxectos decorativos, floreiros ou elementos para o deleite doutras persoas”. O BNG destaca, ademais, a especial gravidade de que a propia organización das festas anunciase a participación de nenas de entre 5 e 7 anos.

“Non somos gando, non somos obxectos e non somos floreiros, as nenas tampouco", dixo Olalla Rodil, quen considerou imprescindible "transmitir ás xeracións máis novas valores de igualdade, respecto á diversidade e defensa dos dereitos das mulleres".

Rodil reclamou á Xunta de Galicia que respecte a Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, reformada en 2023 e aprobada sen votos en contra no Parlamento galego. En concreto, lembran que o artigo 34 establece que as institucións públicas deben garantir unha imaxe pública igualitaria nos actos e actividades que organicen, así como naqueles nos que colaboren ou aos que presten apoio.

“Este acto non transmite unha imaxe igualitaria”, dixo a deputada do BNG, que considera incompatible coa lexislación galega que o Goberno de Galiza respalde institucional ou economicamente unha actividade que cualifica de “retrógrada, misóxina e sexista”. Por este motivo, o Bloque esixe á Xunta que retire o seu apoio á coroación da raíña e das damas das festas da Milagrosa e reclama ao Goberno municipal que faga o mesmo. “Non podemos dar nin un paso atrás nas conquistas do movemento feminista e do conxunto da sociedade”, conclúe Rodil.

O PSOE denuncia un suposto uso partidista das festas

González Abelleira aproveitou tamén para denunciar o que considera unha utilización partidista das festas populares por parte do Partido Popular. Segundo explicou, o Goberno de Candia estaría empregando a relación institucional cos colectivos organizadores como unha ferramenta de promoción política dos seus cargos. "As festas non poden converterse nun instrumento de propaganda do PP", afirmou.

"O modus operandi é bastante sinxelo: comprometer financiamento institucional por diferentes vías e, a cambio, conseguir notoriedade para os cargos do Partido Popular nas festas dos barrios e parroquias, mediante propostas de pregóns, distincións ou presenza destacada nos actos inaugurais", denunciou.

A portavoz adxunta lembrou que Javier Arias, Elena Candia e Flor Rubinos foron pregoneiros en diferentes barrios e parroquias, e considerou que esta dinámica desvirtúa o carácter participativo e veciñal das celebracións.

"As comisións de festas levan meses traballando de maneira voluntaria para manter vivas as celebracións. O Concello debe apoialas, non utilizar ese traballo para facer promoción dos seus cargos políticos", afirmou.

Para González Abelleira, "non é aceptable que o apoio institucional ás festas se converta nunha moeda de cambio para conseguir notoriedade política". "As festas son dos veciños e das veciñas, non do Partido Popular. O Concello debe colaborar con independencia de quen organice, sen tentar comprar vontades nin utilizar os recursos públicos para construír unha determinada imaxe política", engadiu.

Finalmente, reclamou a Candia que rectifique tanto no relativo á elección de damas e raíñas como no uso partidista das celebracións. "Lugo merece unhas festas abertas, participativas e igualitarias. Merece tamén un Concello que respecte os seus propios acordos e que entenda que os recursos públicos están para apoiar á cidadanía, non para favorecer a notoriedade dos cargos do Goberno. As comisións de festas merecen respecto, autonomía e colaboración institucional, non propaganda nin intercambio de favores", concluíu.

O BNG lembra o acordo plenario de 2016

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que o Goberno municipal "debe revisar a financiación e a participación das festas que organizan actividades como a raíña das festas".

Arroxo comezou agradecendo "á comisión organizadora das festas durante os últimos anos e tamén á que vai facer neste ano, porque sabemos que a organización dunhas festas é moi complexo e require moitísimos esforzos". Ao mesmo tempo, lembrou que existe un acordo plenario aprobado o 30 de xuño de 2016, despois da celebración dos últimos eventos de raíñas das festas, no que se estableceu por unanimidade, incluído o Partido Popular, que o Concello non financiase festas que contivesen este tipo de actividades.

O acordo, aprobado polos seis grupos que compoñían a Corporación no mandato 2015-2019, establecía tres medidas: incluír nas convocatorias de axudas cláusulas que condicionasen a concesión das subvencións á non utilización da imaxe da muller como reclamo ou con connotacións sexuais; impedir a participación dos representantes do Goberno municipal naqueles actos nos que se utilizase a imaxe das mulleres como reclamo ou elemento decorativo; e trasladar o acordo a outras institucións supramunicipais para promover unha actuación coordinada.

Arroxo afirmou que "o goberno incumpre este acordo non só apoiando economicamente esta festa, senón que a pregoeira será a concelleira de Rural". Por iso, engadiu que "o PP ten que rectificar, o Concello non pode prohibir que se organice este acto, pero non pode financialo nin acudir ao mesmo".

O portavoz nacionalista considerou que colaborar con estas festas supón "volver 10 anos atrás, recuperar algo que xa estaba superado". "Cuestións como da Raíñas das Festas facíanse no século pasado, afortunadamente a sociedade avanzou en materia de igualdade e no ano 2026 isto xa non é asumible", afirmou.

O BNG pide explicacións sobre a organización das festas

Arroxo anunciou tamén que trasladará aos órganos de fiscalización do Concello a vinculación entre unha das empresas que aparecen no cartel das festas e unha asesora do Partido Popular, co obxectivo de que os servizos municipais teñan constancia desta relación. "Agardamos que todo sexa un malentendido, pero a alcaldesa ten que saír a dar explicacións porque isto está a ser un motivo de preocupación para moitas persoas", sinalou.

No cartel das festas da Milagrosa aparecen a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo como colaboradores institucionais, xunto coa empresa Lucus Espectáculos, sen que se defina a súa implicación na organización das celebracións.

Segundo a información do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, a empresa Lucus Espectáculos ten a Susana Alonso Pérez como socia e administradora única. Ao mesmo tempo, Susana Alonso Pérez foi nomeada asesora do Partido Popular o 1 de xuño de 2026.

"Hai unha persoa que está no partido do goberno municipal, que ao mesmo tempo é administradora única dunha empresa que aparece no cartaz das festas, cremos que isto é algo que o goberno municipal debe aclarar, porque evidentemente chama a atención", afirmou Arroxo.

O portavoz do BNG reiterou a súa "obriga legal" de trasladar esta información aos servizos de fiscalización municipal "para que haxa a maior transparencia posible e a mellor xestión económica municipal".

Arroxo reclama retirar os fogos artificiais

Finalmente, o portavoz do BNG pediu ao Goberno municipal que retire os fogos artificiais das diferentes festas. Arroxo lembrou que colectivos que traballan con persoas con trastornos do espectro autista, persoas maiores con demencia ou Alzheimer e outras persoas con diferentes doenzas veñen reclamando a eliminación deste tipo de espectáculos polos problemas que poden xerar.

"O resto da poboación podemos vivir sen fogos artificiais e podemos evitar un sufrimento innecesario a moitos colectivos", afirmou.

Arroxo lembrou tamén que durante os anos nos que o BNG xestionou a área de Cultura non se autorizaron fogos artificiais, por "empatía con estas persoas" e tamén polas reclamacións dos colectivos vinculados ao benestar animal, que alertan dos efectos dos petardos e fogos sobre mascotas e animais salvaxes.

A Plataforma Feminista de Lugo reclama ao Concello que retire o financiamento das festas da Milagrosa

A Plataforma Feminista de Lugo amosou o seu "máis enérxico rexeitamento" ao financiamento por parte do Concello de Lugo dunhas festas nas que, segundo denuncia o colectivo, se "denigra ás mulleres" a través da súa representación nas figuras de "Damas e Raíñas de Honor".

A organización considera que este tipo de iniciativas supoñen unha forma de "violencia simbólica" contra as mulleres e asegura que tanto o barrio da Milagrosa como a cidade de Lugo "non son merecedoras" deste tipo de actos.

A Plataforma Feminista lembra que en xuño de 2016 o Pleno do Concello de Lugo aprobou por unanimidade un acordo polo que se establecía que non se realizarían futuros financiamentos a festas que implicasen a obxectualización das mulleres. Segundo sinala o colectivo, o acordo contou tamén co apoio do Partido Popular.

Para a Plataforma Feminista de Lugo, o caso actual evidencia que "ningún dereito conquistado é definitivo" e reclama que se respecte o acordo adoptado pola Corporación municipal.

Por todo iso, o colectivo esixe ao Concello de Lugo a "inmediata rectificación" do financiamento destas festas e cualifica de "aberración" a situación denunciada.

A Asociación Cidadá Agra dos Castros tamén cuestiona a elección de damas e raíñas nas festas da Milagrosa

A Asociación Cidadá Agra dos Castros mostrou o seu desacordo con varios aspectos da programación das festas da Milagrosa deste ano e reclamou unha reflexión para avanzar cara a unhas celebracións máis inclusivas e igualitarias.

Un dos principais puntos de discrepancia da entidade é a recuperación da elección de damas e raíñas das festas. Desde a asociación consideran que este tipo de actividade responde a un modelo "anacrónico" e propio "do século pasado", ademais de contar, ao seu xuízo, cunha compoñente sexista e machista que non encaixa coa idea dunhas festas inclusivas e igualitarias.

A entidade tamén sinalou a ausencia este ano de agrupacións de música tradicional, unha participación que, segundo lembra, era habitual nas celebracións. Para Agra dos Castros, trátase dunha "mágoa" tendo en conta a cantidade de grupos folclóricos existentes na cidade de Lugo e a boa acollida que as súas actuacións adoitan ter entre a veciñanza da Milagrosa.

Outro dos aspectos que cuestiona a asociación é a elección dunha concelleira do Partido Popular como encargada de pronunciar o pregón das festas. Ao seu entender, esta responsabilidade debería recaer nunha persoa especialmente vinculada ao barrio e que permita buscar o consenso e a identificación do conxunto da veciñanza.

Neste sentido, a entidade considera que sería máis axeitado apostar por alguén procedente de ámbitos como a cultura, o deporte, o asociacionismo ou a educación. O obxectivo, explica, sería poñer en valor persoas que forman parte da comunidade e que contribúen "día a día a facer barrio".

A Asociación Cidadá Agra dos Castros recoñeceu o esforzo e a dedicación que require organizar unhas festas destas características e asegurou valorar ese compromiso. Porén, pediu que se faga unha reflexión sobre a programación e reclamou que se retire a elección de damas e raíñas.

A entidade defende así unhas festas igualitarias nas que "toda a veciñanza se poida sentir representada".

0.14451599121094