Marisol Bravos e Jordi Cicely serán finalmente os encargados do pregón das festas da Milagrosa 2026

LugoXa
Miriam Souto defende a elección de damas e raíñas das festas da Milagrosa asegurando que as participantes son nenas de entre 5 e 7 anos e que a actividade busca fomentar a súa ilusión
marisol-bravos-e-jordi-cicely
26 Aug 2026

Miriam Souto, unha das organizadoras das festas da Milagrosa, anunciou que finalmente serán Marisol Bravos e Jordi Cicely os encargados de dar o pregón das celebracións o vindeiro venres 4 de setembro, nun recoñecemento á súa traxectoria e á estreita relación que ambos manteñen co barrio, e despois de que a concelleira popular de Zona Rural, Flor Rubinos, decidira non exercer finalmente como pregoeira, "co obxectivo de evitar que a súa participación poida ser utilizada para introducir unha confrontación política nunhas festas que deben seguir sendo, ante todo, dos veciños e da súa comisión organizadora".

Marisol Bravos, docente de profesión e escritora, é unha das voces máis destacadas de Galicia na defensa da accesibilidade e dos dereitos das persoas con discapacidade física. O seu compromiso reivindicativo foi recoñecido ao longo dos anos con numerosos premios, homenaxes e distincións.

A súa traxectoria, tamén reflectida en boa parte da súa obra literaria, converteuna nun referente para moitas persoas con mobilidade reducida. A súa loita pola eliminación das barreiras e pola mellora da accesibilidade contribuíu a impulsar importantes avances neste ámbito en Galicia.

A relación de Bravos coa Milagrosa vén de longo. Desde 1996 é “Milagrosista do ano”, ademais de ser unha persoa moi querida e respectada tanto no barrio como no conxunto da cidade de Lugo.

Pola súa banda, o produtor audiovisual e escritor Jordi Cicely, natural da Milagrosa, iniciou a súa traxectoria artística no ámbito audiovisual. Durante esa etapa chegou a realizar varias gravacións no propio barrio antes de centrarse definitivamente na literatura.

Cicely é autor de dúas das obras máis vendidas en Galicia e a súa literatura aborda principalmente cuestións relacionadas coa saúde mental. A través do personaxe de Jairo, o seu alter ego literario, as súas obras permiten achegarse a realidades como a depresión, o trastorno obsesivo-compulsivo ou a ansiedade.

Moitos destes temas, vividos tamén en primeira persoa polo autor, protagonizaron reportaxes e titulares e contribuíron a visibilizar os problemas de saúde mental e a falar deles con naturalidade e sen tabús. A súa maneira directa de abordar estas cuestións converteuno nun referente para numerosos lectores galegos.

Agora, ambos asumirán o papel de pregoeiros das festas dun barrio co que manteñen unha estreita vinculación desde hai décadas. A Milagrosa, espazo fundamental nas súas traxectorias persoais e profesionais, recibiraos así como protagonistas das súas celebracións.

CONTESTACIÓN ÁS CRÍTICAS POLA COROACIÓN DE DAMAS E RAÍÑAS

Por outro lado, Miriam Souto saíu ao paso das críticas pola actividade de coroación de damas e raíñas incluída na programación das celebracións. Souto explicou que as participantes non son escollidas mediante ningún certame de beleza e defendeu que o acto está pensado como unha actividade de lecer para os nenos e nenas do barrio.

Segundo sinalou, as tres raíñas que participarán nesta edición teñen entre 5 e 7 anos, polo que, ao seu xuízo, non existe ningún criterio relacionado coa beleza na súa elección. "As raíñas e damas non se escollen por certame de beleza, debido a que as tres raíñas que estarán son nenas de 5 a 7 anos. Está claro que a ninguén se lle ocorrería decidir a beleza de ninguén", afirmou.

Souto engadiu que todas as nenas e nenos que participan poden ser protagonistas da actividade e indicou que o seu propio fillo tamén formará parte do acto. Durante a celebración, está previsto soltar uns globos ao aire e entregar flores ás participantes.

A organizadora insistiu en que a finalidade da proposta é que os máis pequenos poidan vivir con ilusión unha actividade na que tamén teñan o seu espazo dentro das festas da Milagrosa. "Todo se fai pola ilusión das nenas e nenos que participan nun acto no que eles tamén queren ser protagonistas", explicou. Neste sentido, rexeitou que a actividade teña unha compoñente de sexualización: "Non ten nada de sexualizante", sostivo.

Invitación aos partidos políticos

Souto tamén destacou que a organización convidou a todos os partidos políticos a participar tanto neste acto como no resto da programación das festas, coa intención de fomentar a participación do conxunto da sociedade e implicar os diferentes sectores do barrio nas celebracións.

A organizadora lembrou ademais a súa experiencia previa na organización das festas da Milagrosa e agradeceu a colaboración do Concello de Lugo ao longo dos últimos anos, non só na organización das festas, senón en todas as actividades que organizou, como pasarelas de moda ou actos no Arde Lucus. "Desde o Concello de Lugo, tanto o PSOE como o BNG, sempre deu axuda, pola que estou moi agradecida, porque sempre nos abriron as portas e nos escoitaron", sinalou, "e neste caso tamén contamos coa colaboración do Concello de Lugo, neste caso representado polo PP".

Neste sentido, explicou que a organización dos actos require manter informado o Concello e solicitar os permisos correspondentes. "Para pedir calquera cousa sempre hai que pedir permiso ao Concello e ter informado dos actos que se van realizar", apuntou.

Souto asegurou que a organización se sentiu apoiada tanto polo anterior Goberno local como polo actual e destacou a colaboración mantida co Concello. "Eles colaboraron sempre e eu tamén fixen todo polo barrio e pola cidade", concluíu.

BALÓNS FÓRA DO CONCELLO DE LUGO

Pola súa parte, o Concello de Lugo aclarou que "non participa nas decisións que corresponden ás comisións de festas, que son as responsables de determinar os seus programas, actividades, actuacións e demais aspectos relacionados coa organización das
celebracións e que, no caso das festas da Milagrosa, non realizou ningunha achega económica nin contratación relacionada coa
organización das festas", polo que, din, "a comisión organizadora é a única responsable da súa programación e da contratación das actividades que forman parte do programa festivo".

E engaden que "a colaboración municipal limítase, como acontece coas demais comisións de festas do municipio, a facilitar e colaborar na tramitación dos permisos e autorizacións necesarios para a celebración das actividades, en cumprimento do compromiso adquirido polo Goberno municipal de apoiar e facilitar o traballo das comisións veciñais".

O Goberno municipal quere agradeceu, finalmente, o traballo de todas as comisións de festas, formadas por veciños e veciñas que dedican tempo e esforzo de maneira desinteresada para manter vivas as celebracións dos seus barrios e parroquias.

0.27508497238159