A asociación veciñal Oliveira Casás denuncia o “despilfarro” dun aparcadoiro da Xunta na rúa Orquídea

LugoXa
Os residentes aseguran que a infraestrutura apenas ten uso e critican o elevado investimento realizado nun proxecto que consideran “un despropósito”
aparcadoiro-Casás-Xunta
8 May 2026

A Asociación de Veciños Oliveira Casás denunciou a situación do aparcadoiro construído pola Xunta de Galicia na rúa Orquídea, no barrio lucense, ao asegurar que “practicamente non aparca ningún coche” nunha infraestrutura que, segundo indican, supuxo un investimento "de entre 60 e 70 millóns de euros"; aínda que os datos oficiais apuntan a unha cantidade significativamente máis baixa, de 1,2 millóns de euros.

O colectivo veciñal considera que a actuación foi “un despropósito desde o principio” e sinala que a obra estivo marcada pola improvisación, as inundacións e distintos danos rexistrados durante a súa execución. Neste sentido, os veciños pregúntanse “quen foi a mente privilexiada” que impulsou un proxecto que, ao seu xuízo, non respondía ás necesidades reais da zona.

Desde a asociación sosteñen que existían outras prioridades para o barrio e consideran que destinar unha cantidade tan elevada de recursos públicos a un aparcadoiro sen uso supón “un despilfarro dos recursos de todos”.

Co obxectivo de respaldar as súas críticas, os residentes realizaron un seguimento da actividade do aparcadoiro durante dúas semanas. Segundo explican, controlaron o movemento de vehículos durante tres horas pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e dúas horas pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas.

O resultado, segundo aseguran, foi “demoledor”, xa que durante todo ese período accederon ao aparcadoiro unicamente catro vehículos. A asociación afirma ademais que dispón de fotografías recentes para acreditar a escasa utilización da infraestrutura.

Finalmente, os veciños reclaman á Xunta de Galicia “máis rigor” na xestión dos recursos públicos e critican que se executen actuacións de elevado custo económico sen avaliar previamente a súa utilidade real.

0.11818408966064