A autovía Lugo-Sarria comeza a súa recta final cun investimento de 37,7 millóns de euros

LugoXa | SarriaXa
A Xunta inicia as obras dos 13,5 quilómetros pendentes entre Nadela e A Pobra de San Xiao, que completarán a futura AG-22
autovía-Nadela-Sarria
6 Aug 2026

A Xunta de Galicia iniciou as obras do último tramo necesario para completar a autovía entre Lugo e Sarria, unha actuación que supón un investimento de 37,7 millóns de euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou este mércores o inicio dos traballos.

A actuación contempla o desdobramento do actual corredor entre a rotonda de Nadela e o enlace da Pobra de San Xiao, no Corgo, onde conecta co tramo que entrou en servizo no ano 2022. En total, actuarase sobre 13,5 quilómetros que pasarán a formar parte da futura autovía AG-22, unha infraestrutura libre de peaxe.

A conselleira destacou a relevancia desta obra, que inclúe actuacións singulares como a construción de dous viadutos sobre os ríos Chamoso e Neira. O primeiro terá unha lonxitude de 259 metros e o segundo alcanzará os 160 metros. O proxecto tamén inclúe a execución dos enlaces do Corgo e Maceda, un cruzamento baixo a A-54 e a ampliación de 13 pasos superiores e sete inferiores.

O prazo de execución previsto é de 36 meses. Os traballos xa comezaron coas primeiras actuacións de sinalización e roza na contorna onde se levantará o futuro viaduto sobre o río Chamoso, que discorrerá paralelo ao actual.

Segundo as estimacións da Xunta, a nova infraestrutura rexistrará un tráfico duns 8.000 vehículos diarios e beneficiará a preto de 100.000 habitantes dos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, ademais de transportistas e visitantes que utilizan habitualmente esta conexión.

María Martínez Allegue subliñou que a nova autovía permitirá mellorar a seguridade viaria e reducir os tempos de desprazamento. A infraestrutura contará cun límite de velocidade de 120 quilómetros por hora e facilitará unha conexión máis rápida e cómoda entre Lugo e a comarca de Sarria, así como cos grandes eixes viarios da A-6 e da A-54 que conflúen en Nadela.

A conselleira tamén puxo en valor o compromiso da Xunta coa ampliación da rede de vías de altas prestacións. Neste momento, segundo indicou, a Administración autonómica ten en marcha actuacións por valor de 170 millóns de euros en distintas infraestruturas galegas, entre elas a prolongación da AG-59 Santiago-A Estrada, a vía de altas prestacións Tui-A Guarda, a extensión da autovía da Costa da Morte e o desdobramento dun tramo da estrada Brión-Noia para convertelo en autovía.

“Damos outro gran paso no marco do noso compromiso para seguir mellorando a seguridade, a conectividade e a vertebración do territorio, así como a competitividade económica desta comarca lucense e do conxunto de Galicia”, afirmou.

0.12472295761108