A campaña Merca no Teu Comercio chega este venres a Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla

LugoXa | RibeiraSacraXa
Poderán participar nesta iniciativa todos os clientes que realicen compras nos establecementos retallistas antes do 15 de maio.
merca-no-teu-comercio-taboada-antas-palas-monterroso
30 Apr 2026

A campaña Merca no Teu Comercio chega do 1 ao 15 de maio a Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla. A iniciativa, promovida pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Taboada e outras entidades, busca fomentar as compras no comercio local.

A actuación comprende un total de 40 campañas promocionais, dez por cada provincia, en 114 localidades galegas, co fin de estimular as vendas nos municipios rurais, achegar aos clientes aos comercios de proximidade e dinamizar o sector. Na provincia de Lugo celebraranse 10 actuacións, englobando 31 localidades ata o mes de outubro, e repartindo un total de 10.000 euros en premios.

No caso de Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla, poderán participar nesta iniciativa todos os clientes que realicen compras nos establecementos retallistas antes do 15 de maio. Todas as compras deben ser rexistradas na web da campaña ou ben polo comerciante, se o desexa, a través da mesma plataforma, onde se pode introducir directamente a operación de compra dos clientes, duplicando deste xeito as súas opcións de gañar.

Entre os participantes nesta campaña sortearanse 1.000 euros, distribuídos en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que deberán ser empregadas para volver a mercar nos comercios de proximidade das respectivas localidades. O sorteo realizarase o 18 de maio, e o luns 25 de maio terá lugar a entrega dos premios aos afortunados.

0.14262390136719