A Casa dos Mosaicos de Lugo pecha unha semana para reparar as filtracións de auga

A Casa dos Mosaicos de Lugo permanecerá pechada temporalmente entre o 19 e o 26 de outubro debido aos traballos que se están a realizar na ventá arqueolóxica da rúa Doutor Castro. A intervención comezou este luns e busca poñer fin ás filtracións de auga detectadas neste punto, que afectan ás condicións de conservación dos mosaicos.
A actuación forma parte dun plan de mantemento máis continuado destes espazos patrimoniais. Neste marco, o Concello de Lugo adxudicou un contrato específico de 12.100 euros para realizar labores periódicos de conservación, limpeza e reparación das ventás arqueolóxicas, tanto nas zonas interiores como nas exteriores.
O obxectivo é que, ademais de resolver incidencias concretas como as filtracións de Doutor Castro, se poidan atender de maneira regular as necesidades destes enclaves e garantir unha mellor protección dos restos arqueolóxicos.
Dentro desta planificación, tamén se analizará a posibilidade de implantar un sistema de limpeza adaptado ás características das ventás arqueolóxicas. A intención é que estas tarefas poidan executarse sen necesidade de que os vehículos circulen por riba das instalacións.
Con estas medidas, o Concello pretende reforzar o mantemento destes espazos e contribuír á conservación do patrimonio arqueolóxico vinculado á historia de Lugo.