A Deputación aproba 137.000 euros para mellorar infraestruturas municipais en Pedrafita do Cebreiro

LugoXa
O convenio permitirá renovar a cuberta do centro de saúde, mellorar unha nave de usos múltiples e reforzar a identidade visual do municipio
PEDRAFITA-DO-CEBREIRO
26 Jun 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou unha colaboración co Concello de Pedrafita do Cebreiro por un importe total de 137.000 euros destinada á mellora de infraestruturas e equipamentos municipais do municipio.

A principal actuación, cun investimento de 95.695 euros, centrarase na renovación da cuberta do centro de saúde, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e as condicións do edificio. Ademais, destínanse 17.987 euros ao acondicionamento acústico da nave de usos múltiples, un espazo considerado clave para o desenvolvemento do Mercado Gandeiro e outras actividades económicas e sociais da localidade, segundo destacou García Porto.

O convenio complétase cunha achega de 23.318 euros para a instalación de dous conxuntos de letras identificativas co nome de Pedrafita do Cebreiro nas rotondas de acceso á vila. Esta actuación busca reforzar a identidade visual do municipio e poñer en valor este enclave, considerado porta de entrada a Galicia e un punto de referencia do Camiño de Santiago.

0.12572908401489