A Deputación inicia a redacción do proxecto para reconstruír a ponte de Aceña sobre o río Navia

A empresa Noega Ingenieros SL xa traballa na redacción do proxecto para construír unha nova ponte de Aceña sobre o río Navia, no tramo antigo da estrada provincial LU-P-3501, que comunica Navia de Suarna con Paradela e o Alto do Restelo. A compañía asturiana resultou adxudicataria do contrato e asinou coa Deputación de Lugo a acta de inicio dos traballos o pasado 10 de novembro, polo que dispón dun prazo de oito meses para presentar o documento.
A actuación permitirá avanzar na recuperación desta conexión viaria, interrompida desde o pasado 27 de xaneiro, cando as fortes precipitacións provocaron o derrubamento da ponte. Desde entón, a estrada permanece cortada neste punto, aínda que a mobilidade na zona está garantida mediante un itinerario alternativo.
O contrato foi adxudicado na Xunta de Goberno da Deputación do pasado 9 de outubro e formalizouse a semana seguinte. A elaboración do proxecto require diferentes estudos técnicos previos para determinar as características da nova estrutura e garantir a súa adaptación ás condicións do río Navia e da contorna.
Os traballos desenvolveranse en tres fases. A primeira incluirá o levantamento topográfico da zona, a realización de ensaios xeotécnicos do terreo e a modelización hidráulica do río. Estes estudos permitirán coñecer as condicións do ámbito e establecer as solucións técnicas máis adecuadas para a futura infraestrutura.
Na segunda fase, a empresa redactará o proxecto completo da ponte, no que quedarán definidas as características da construción, as solucións estruturais e os aspectos técnicos e económicos da intervención.
Por último, será necesario completar a tramitación administrativa e obter as autorizacións sectoriais dos organismos competentes, entre eles a Confederación Hidrográfica do Cantábrico e os servizos de Conservación da Natureza. O documento tamén deberá someterse ao correspondente período de información pública e recibir a aprobación definitiva antes de que as obras poidan saír a licitación.
Á espera de que o proxecto determine o orzamento definitivo, os servizos técnicos da Deputación estiman que a construción da nova ponte podería supoñer un investimento próximo aos dous millóns de euros. A contía final dependerá das solucións técnicas que se adopten a partir dos estudos previos e das características que deba reunir a infraestrutura.