A Deputación inicia o aglomerado do último tramo pendente da estrada entre Pedrafita e Seoane do Courel

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de aglomerado na estrada provincial LU-P-1301, unha actuación que permitirá completar a renovación desta vía entre Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel, na que a institución provincial leva investido máis de 1 millón de euros.
As obras céntranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6,8 e 7,3, á altura das parroquias de Pacios e Lousada, e forman parte dun proxecto cun orzamento de 390.000 euros.
Os labores de aglomerado chegan despois de finalizar os traballos de ensanche da estrada ata os 10 metros de ancho e das actuacións para mellorar a drenaxe. Unha vez rematada esta fase, executaranse as tarefas de sinalización e de integración paisaxística, co obxectivo de reducir o impacto ambiental nunha zona dos Ancares incluída na Rede Natura 2000.
Con esta intervención, a Deputación dá por cumprido o compromiso de acondicionar os seis quilómetros que permanecían pendentes nesta estrada, unha infraestrutura considerada estratéxica por constituír un dos principais accesos ao municipio de Folgoso do Courel e por desempeñar un papel fundamental na mobilidade da comarca da Montaña.
As actuacións permitirán solucionar os principais problemas que presentaba a vía, como a escasa anchura en distintos tramos, curvas de trazado complexo, rasantes irregulares e deficiencias na drenaxe, ademais de mellorar a sinalización e incrementar a seguridade fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
Nos últimos anos, a institución provincial acometeu sucesivas actuacións de mellora en diferentes tramos da LU-P-1301 ata o quilómetro 12,51, á altura de Hospital, na parroquia de Santa María do Cebreiro. Este conxunto de investimentos beneficiará a preto de 2.000 persoas e mellorará o acceso a diversos recursos de turismo rural da contorna.