A Escola Shantidi levará á Capela de Santa María unha exposición fotográfica sobre os seus proxectos sociais na India

LugoXa
A mostra poderá visitarse durante todo o mes de outubro e permitirá achegarse ao labor educativo e solidario que a entidade desenvolve con nenos e nenas en situación de vulnerabilidade
shantidi-mostra-Lugo
15 Aug 2026

A Capela de Santa María acollerá durante todo o mes de outubro unha exposición fotográfica organizada pola Escola Shantidi, unha mostra que permitirá coñecer de preto os proxectos educativos e sociais que a entidade desenvolve na India.

A exposición estará aberta ao público do 1 ao 31 de outubro e reunirá unha selección de imaxes que reflicten a realidade das comunidades coas que traballa a organización, así como o impacto das iniciativas impulsadas para mellorar as condicións de vida e o acceso á educación de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.

A mostra poderá visitarse de luns a domingo, incluídos os días festivos, en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

A iniciativa conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), e busca achegar á cidadanía unha visión directa do traballo solidario que a Escola Shantidi desenvolve desde hai anos a través da educación como ferramenta de transformación social.

0.12158203125