A Fonsagrada acollerá este verán unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo con oito proxeccións gratuítas

LugoXa
A iniciativa de Abordelar achegará ao Salón de Actos dos Chaos unha selección do mellor cinema galego recente entre o 31 de xullo e o 18 de setembro
salón-de-actos-A-Fonsagrada
23 Jul 2026

A asociación Abordelar organiza unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na Fonsagrada, unha iniciativa promovida pola Academia Galega do Audiovisual e a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello da Fonsagrada.

Como principal novidade, o ciclo trasládase este ano aos meses de verán e converterá o Salón de Actos dos Chaos nun punto de encontro para os amantes do audiovisual galego. Todos os venres, ás 20.30 horas, o público poderá asistir á proxección de oito películas recoñecidas nos Premios Mestre Mateo, considerados os principais galardóns do cinema e da televisión en Galicia.

O obxectivo da iniciativa é achegar o cinema galego aos concellos que non dispoñen dunha programación cinematográfica comercial estable, facilitando tanto á veciñanza como ás persoas visitantes o acceso ás producións máis destacadas do audiovisual galego e promovendo a cultura como un espazo de encontro e participación.

A programación combinará filmes de ficción e documentais que abordan cuestións relacionadas coa memoria, a identidade, o territorio, a cultura popular e as relacións humanas. O ciclo abrirase o 31 de xullo coa proxección de Sirat, de Oliver Laxe. Posteriormente, o 7 de agosto exhibirase 360 Curvas; o 14 de agosto, As liñas descontinuas; o 21 de agosto, Ao son da regueifa; e o 28 de agosto, San Simón. Xa en setembro, o público poderá ver Deuses de pedra o 4 de setembro, Antes de nós o 11 de setembro e O silencio herdado o 18 de setembro.

0.13157105445862